marea de vigo lamenta que o goberno local persista nunha praxe limitante e carente de transparencia para a aprobación de cuestións urbanísticas.

22 de Abril de 2021

Marea de Vigo lamenta que o Goberno local persista nunha praxe limitante e carente de transparencia para a aprobación de cuestións urbanísticas.

Marea de Vigo esixe que sexa distribuída a proposta de aprobación inicial do PXOM con suficiente antelación para garantir que esta sexa coñecida polo movemento veciñal, os sectores económicos e sociais afectados así como por toda a veciñanza.

Vigo, a 22-04-2021. Marea de Vigo lamenta que de novo se empreguen os meses de verán para levar a aprobación unha nova fase do futuro PXOM, neste caso a 5º fase do Plan que é a aprobación provisional unha vez realizado o estudo ambiental estratéxico do documento inicial e borrador. “Non se teñen explicado os motivos do retraso de máis de cinco meses na previsión de presentación do PXOM para a súa aprobación inicial e segue existindo un preocupante escurantismo na información sobre o futuro Plan” sinala Rubén Pérez. “Mesmo os grupos municipais – prosigue – imos vendo como a información non se traslada no Consello da Xerencia de Urbanismo ou nunha comisión específica de planeamento mentres si que se fai a determinados medios de comunicación”, o que supón, segundo Pérez, “unha quebra democrática evidente do funcionamento dunha entidade local”.

Este proceso de aprobación inicial, que, segundo apunta Rubén Pérez, “se retrasa dun xeito forzado aos meses de verán”, e no que as administracións ou persoas interesadas terán soamente dous meses para presentar suxestións, “xa é un proceso determinante, posto que pasando ese momento a cidadanía tan só poderá formular alegacións formais e procesos de litixio xudicial, desaparecendo o período de suxestións ao equipo redactor que permitía facer modificacións no texto”.

Marea de Vigo reclama divulgación previa do PXOM especialmente nunha situación pandémica que limita xuntanzas e asembleas e que obriga a reforzar a transparencia e os procedementos participativos por parte da administración local nun procedemento tan sensible como é a aprobación da norma urbanística que rexirá os vindeiros lustros no Concello de Vigo. “Debe terse especial sensibilidade no tocante ao movemento veciñal, que actualmente ten limitacións serias de reunión que son vitais polo seu funcionamento e debate colectivo para abordar alegacións e suxestións mediante asembleas abertas veciñais para decidilo”.