marea de vigo lamenta que as prioridades do goberno de abel caballero no orzamento do 2022 non sexa a reconstrución económica da cidade.

5 de Novembro de 2021

Marea de Vigo lamenta que as prioridades do Goberno de Abel Caballero no orzamento do 2022 non sexa a reconstrución económica da cidade.

Rubén Pérez: “Mentres noutras cidades e administracións se inviste na recuperación económica trala crise sanitaria, o Goberno de Abel Caballero segue apostando por basear uns orzamentos en actuacións simplemente de carácter inaugurable”.

Marea de Vigo presentará unha emenda á totalidade onde recollerá propostas que xa se fixeron para o orzamento deste ano e non se levaron a cabo, como son as axudas ao pequeno comercio, hostalería, sector cultural, exencións fiscais ou a gratuidade das escolas infantís municipais.

Vigo, 05-11-2021. “O proxecto orzamentario do Concello de Vigo volve a ser papel mollado” dixo esta mañá Rubén Pérez na rolda de prensa na que se valorou o proxecto orzamentario do Goberno local para o 2022. “Aínda esta por ver se a falla de execución orzamentaria deste ano 2021 queda por enriba dos 100 millóns de euros, o que significaría que esas mesmas partidas para o 2022 correrán a mesma sorte” afirmou.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo criticou que “a pesar da situación de crise económica derivada da crise sanitaria, o gasto social segue estando nos 19 millons de euros”, permanecendo aínda moi lonxe dos 100 euros de gasto social por habitante que marca o indicador AROPE. “Diminuen ademais as partidas relacionadas con plans de emprego, nun ano onde debería investirse en promoción económica e creación de emprego na cidade” sinala.

Marea de Vigo critica que coa aparición do IMV, o Concello de Vigo “tamén diminua as axudas ás familias para alugueiro, servizos básicos e alimentos en lugar de compatibilizar ditas axudas – apuntou o voceiro na rolda. – Do mesmo xeito que se lle está pedindo á Xunta que compatibilice a RISGA co IMV, e o propio Goberno de Abel Caballero así o ten expresado, tamén deben de que compatibilizar as axudas municipais”. Pérez exemplificou esta realidade co que ten acontecido nos últimos tres anos coa partida para as axudas ao alugueiro. “Pasamos de consignar aproximadamente 800.000 euros no orzamento para o 2020, 500.000 para o 2021 e para o vindeiro 2022 apenas consígnanse 350.000 euros para as axudas al alugueiro” matiza Rubén Pérez.

Alén do tocante ao gasto social, e en consonancia co expresado polas centrais sindicais presentes no Concello de Vigo, Rubén Pérez destacou a desaparición de prazas públicas de emprego. “Hai unha suba salarial mais amortízanse 36 prazas públicas, que están ademais na súa maioría (26 de 36) nun segmento bastante susceptible de ser privatizado segundo as dinámicas que ten levado este Goberno local nos últimos anos – engade -. Estas prazas poden estar en pavillóns, colexios…, o que semella sen dúbidas unha futura privatización de servizos que agora están xestionados directamente por persoal municipal” matiza.

O que si aumenta son algunas partidas relacionadas coa vivenda mais no capítulo de Urbanismo. “Aínda non se sabe a que actuacións se invertiran eses cartos, esperamos que no desenvolvemento de vivenda pública de protección oficial que anunciou o Goberno local” incide o concelleiro.