marea de vigo lembra que as obras públicas, especialmente as financiadas con superávit de anos anteriores, teñen que ser sostibles economicamente.

16 de Decembro de 2019

Marea de Vigo lembra que as obras públicas, especialmente as financiadas con superávit de anos anteriores, teñen que ser sostibles economicamente e os seus custos de mantemento deben ser avaliados cando se proxectan.

O Grupo municipal considera que o abandono de actuacións feitas á carreira durante a campaña electoral para inaugurar durante a mesma como o volcán de Coia era “algo esperado” pero “o verdadeiramente lamentable” é que se proxecten obras sen previsión de custos de mantemento das mesmas, obsolescencia dos equipos que conteñen ou mesmo sen partidas concretas para a súa reparación.

Vigo, 16-12-2019. Marea de Vigo afirma que “é especialmente grave” a improvisación dos mantementos, especialmente nas obras cofinanciadas polos recursos públicos das Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integradas (DUSI), cofinanciadas en un 80% polo Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostenible 2014-2020. Por exemplo a situación de escaleiras e ascensores que en ocasións permanecen varios días parados e con averías permanentes a pesar de non superar os 5 anos de instalación, o que poría en discusión se estamos verdadeiramente ante obras financeiramente sostibles e polo tanto, susceptibles de ser financiadas cos superávits (diñeiro de partidas non gastadas en exercicios orzamentarios anteriores).

Marea de Vigo culpabiliza directamente desta situación ao “electoralismo dopado” do Alcalde Abel Caballero, que retrasou e adiantou diversos prazos de remate de obras públicas para “facerse o paseillo coa tropa palmeira” mesmo durante a campaña electoral, o que constitúe non só unha irregularidade multada xa pola Xunta Electoral senón tamén un risco de seguridade, e un sinfín de sobrecustos orixinado exclusivamente polas “présas oportunistas do alcalde”, ou o caso do Parque Cela, inaugurado a trozos a causa destas présas.

Marea de Vigo pon como exemplo o proxecto da rampa mecánica de Gran Vía, que recoñece abertamente que o mantemento das mesmas será financiado cos recursos do contrato de mantemento da rede viaria da cidade, actualmente concesionado a unha empresa construtora. “E dicir, as averías serán reparadas a costa das necesarias melloras nos viais da cidade que, especialmente no rural, presentan graves danos e en moitas zonas o estado dos firmes é deficitario ou está moi deteriorado”.