marea de vigo lémbralle ao alcalde que o problema substancial de vitrasa son as modificacións do contrato ademáis do prego

9 de Abril de 2018

MAREA DE VIGO LÉMBRALLE AO ALCALDE QUE O PROBLEMA SUBSTANCIAL DE VITRASA NON É O PREGO, DESFASADO AO TER 25 ANOS, SENÓN O CONTRATO FORMALIZADO E AS CUESTIONABLES MODIFICACIÓNS FEITAS DURANTE ESTES 25 ANOS, ALGUNHAS DELAS CON ABEL CABALLERO COMO ALCALDE.

O grupo municipal da Marea de Vigo afirma que é obvio que o modelo de concesión de fai 25 está desfasado pero dende fai anos producíronse decisións políticas que condicionaron modificacións ao contrato e adiantos ou atrasos de inversións que condicionaron subas ou conxelacións.

O grupo municipal lembra que no mandato de Caballero incorporáronse decisivas modificacións ao billete de transbordo e fíxose unha aposta importante por modificar o contrato, mesmo o concelleiro Xulio Calviño sinalaba que ao Concello “non lle tremería o pulso se tiña que modificar o concurso” para o que mesmo se programou un informe para avaliar as modificacións do contrato e as implicacións futuras na ampliación do mesmo.

Responsabilizar por exemplo ao ex-alcalde Carlos Príncipe da situación actual da concesión, tras 25 anos de modificacións contractuais severas no prego, é rigorosamente improcedente. Por exemplo, a obrigatoriedade de compensar ao empresario cando as modificacións afectasen ao réxime financieiro do contrato é responsabilidade dos gobernos sucesivos porque eran coñecedores da Lei de Contratos do Estado (Decreto 923/1965).

Marea de Vigo apunta que gran parte das inversións pendentes de amortizar están realizadas na época do goberno de Caballero e mesmo están sen facerse as auditorías anuais que esixe obrigatoriamente o prego (artigo 62), onde di que ten que ser efectuada “pola empresa auditora elixida polo Concello entre unha terna de recoñecida solvencia presentada polo concesionario e con estrita suxeición á lei de auditorias”.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal lémbralle a Abel Caballero que a propia concesionaria, no informe de revisión de prezos para 2018 sinala que “en 2008 hai un incremento dos pasaxeiros de transbordo debido á implantación do dobre billete de correspondencia gratuíto polo que entraba en funcionamento a Resolución da Remodelación da Rede de 2001 que di literalmente: “Transcurrido dicho periodo, y en caso de no alcanzarse el número de viajeros de pago fijados como hipótesis baja en la prognosis que figura en la oferta, VITRASA podrá presentar un estudio sobre los resultados obtenidos y posibles perjuicios económicos que será objeto de examen, revisión y compensación, en su caso, por parte del Ayuntamiento”

Entre 2001 e 2006 nunca se alcanzou a chamada prognose de número de pasaxeiros e o Concello sempre tivo que compensar á concesionaria, algo que, obviamente non existía cando se redactou o prego nos anos 90.

Marea de Vigo considera tamén que, por exemplo, a decisión de conxelar as tarifas de Vitrasa nos dous anos antes das eleccións locais de 2015, supuxo un claro uso partidista dos recursos públicos. Non aplicar as cotas de amortizacións dos terreos e instalacións correspondentes aos anos 2013 e 2014 foi unha decisión electoralista de Abel Caballero que condiciona evidentemente as amortizacións pendentes, e polo tanto as subas de prezos do billete e abonos actuais e futuros.