marea de vigo lémbralle ao alcalde que pedir agora a rexeneración do areal de de samil é incompatible con permitir a construción do marina cies.

30 de Agosto de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo lémbralle a Abel Caballero que a súa decisión de permitir recintos como o Marina Cíes en Samil é incompatible e contraditorio coa demanda que acaba de facerlle á ministra Teresa Ribera para a recuperación do proxecto de rexeneración dunar.

Rubén Perez: “Marea de Vigo seguirá a demandar a clausura e derribo do Marina Cíes para facilitar a rexeneración do espazo dunar de Samil”.

Vigo, 30-08-2018. O pasado martes, anunciábase que o alcalde o PSOE, Abel Caballero, trasladáballe á Ministra de Transición Enerxética e Medio Ambiente unha petición para a rexeneración do areal de Samil, seguindo o exemplo da intervención realizada no Vao no ano 2005, pola que o areal gañaba máis de 3 metros e recuperaba gran parte da flora autóctona.

Xa no seu día, as formacións políticas integradas en Alternativa Galega de Esquerdas, xunto á Asociación ecoloxista Amigos da Terra, demandaban no propio Concello de Vigo, a través dun recurso de reposición contra a adxudicación do aproveitamento privativo do inmoble onde estaba o antigo Jonathan, o non permitir unha nova concesión no espazo precisamente porque significaba “liquidar” a proposta de rexeneración dunar que contemplaba o Plan Especial de Rexeneración Ambiental e Acondicionamento do Litoral Urbano (Alcabre-Samil). Este plan establecía claramente, dentro dos seus obxectivos, a transformación do paseo de Samil, a eliminación do muro e o traslado dos usos lúdicos e deportivos para poder levar a cabo precisamente tal rexeneración ambiental.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, lembra que “o complexo hostaleiro Marina Cíes, autorizado de xeito teimoso por Abel Caballero, está situado en terreos destinados ao Sistema Xeral de Zona Verde Alcabre-Samil, cuxa ficha indica que a ordenación do ámbito determinarase pormenorizadamente no Plan de Rexeneración, no que quedaba claro que a nova adxudicación dunha nova concesión para un uso terciario resultaba totalmente incompatible cos usos que o PXOM vixente naquela altura proxectaba no ámbito”.

Como ben recollía o recurso de reposición presentado naquel momento “dado que o ben obxecto de adxudicación insírese nun solo destinado a sistema xeral de zoa verde pendente de xestión, atopámonos cun réxime de autorizacións excepcional, tanto de obras como de usos”. Este réxime substánciase no artigo 102 da LOUG, no que se establece a posibilidade de autorizarse “usos e obras xustificadas de carácter provisional”, que deben cumprir cunha serie de requisitos tales como que “as obras executadas para usos provisionais serán as mínimas imprescindibles para permitir unhas instalacións facilmente desmontables”.

Ante estas circunstancias, o grupo municipal da Marea de Vigo considera dun “grande cinismo” que Abel Caballero traslade agora á Ministra a recuperación dun Plan de Rexeneración que el mesmo dinamitou coa licenza do Marina Cíes, xa que é evidente que a instalación resultante das obras “nin é provisional, nin é facilmente desmontable. O que se fixo foi demoler unha estrutura existente e executar unha edificación totalmente nova orzamentada naquel momento nun millón cincocentos mil euros”.