marea de vigo lémbralle ao goberno local que vigo segue na cola do gasto social con menos de oitenta euros por habitante.

6 de Maio de 2022

Marea de Vigo lémbralle ao Goberno local que Vigo segue na cola do gasto social con menos de oitenta euros por habitante.

Oriana Méndez: “Os 100mil euros de diñeiro de toda a cidadanía que destinan conxuntamente Concello e Deputación para a nova estatua de A Guia poñen de manifesto que o Concello de Vigo está lonxe de ser un concello progresista, laico e social”.

Vigo, 06-5-2022. Unha vez máis, Caballero “está máis preocupado en cuestións ornamentais ca en fortalecer os servizos sociais da cidade” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo, tralas últimas inauguracións anunciadas polo Goberno local, coma a do Cristo de A Guía, cuxa instalación dará comezo nos vindeiros días. “Destinar cartos públicos a ornamentacións relixiosas, como o caso do Cristo da Guía, que requeriu un convenio entre o Concello e o Obispado, non é de recibo na situación económica acuciante que padecen milleiros de familias en Vigo” engade a concelleira.

“Vigo ten que superar os 60 euros de gasto social por habitante – sinala Méndez -, ten que demostrar que quere facer unha política social avanzada facendo compatible o IMV coas diferentes axudas da administración local, non pode ser que a cidade máis poboada de Galicia e con maior influencia socioeconómica, siga estando sinalada por ter unha das peores situacións en gasto social segundo os profesionais dos Servizos Sociais”.

Marea de Vigo insiste, tal e como expresou no debate dos Orzamentos para 2022 así coma no recente uso de 45 millóns de euros do remanente por parte do Concello, “máis investimento en gasto social fronte a investimentos orzamentais” matiza Oriana Méndez.

Dende o Grupo municipal, se segue vendo coma “incomprensible” a redución do importe ligado a programas de servizos sociais e promoción social que figuran no Orzamento de 2022, “consagrando, lonxe dunha subida en gasto social, unha constante redución” engade Méndez. Para Marea de Vigo, rebaixar de 65,5 euros por habitante a 64,9 nun momento que debería ser de recuperación económica para a cidadanía trala crise sanitaria “non ten sentido algún por parte dun Goberno local que se di progresista, e afástanos unha vez máis da recomendación dos profesionais dos servizos sociais de que se consignen 100 euros por habitante” finaliza a concelleira, Oriana Méndez.