marea de vigo lémbralle ao goberno do psoe que xa fai un ano que a casa da xuventude non ofrece os servizos que lle corresponde.

18 de Setembro de 2018

Marea de Vigo lémbralle ao goberno local que a Casa da Xuventude leva un ano sen os servizos que debería estar ofrecendo, consolidando o seu definitivo desmantelamento.

Marga L. Barreiro: “O pasado 31 de agosto do 2017 remataba a concesión do servizo na Casa da Xuventude e dende ese momento non se volveu levar a cabo ningún dos servizos que se daban á mocidade por parte do persoal profesional de xuventude que foi despedido nese momento”.

Vigo, 18-09-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo presentaba xa fai un ano unha moción no Pleno do Concello onde se pedía sacar a concurso de xeito inmediato a xestión dos servizos que se viñan desenvolvendo na casa da Xuventude e Punto Xove ate o 31 de agosto dese ano, 2017, onde tamén se debía establecer no propio prego a subrogación do cadro de persoal que viña desenvolvendo o traballo coa concesionaria anterior. A moción era rexeitada polos votos en contra do PSOE, e hoxe, un ano máis tarde, a situación é exactamente a mesma, non se están dando todos os servizos que corresponden a unha OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), funcionamento ademais marcado pola “Carta Europea de Información Xuvenil”.

“Daquela altura, escoitabamos á concelleira responsable da Área de Xuventude dicir no propio Pleno que o que estaba acontecendo era que se ‘remunicipalizaba’ o servizo e incluso que ‘en breve’ estaría aberto polas tardes, que non se ía perder ningún servizo e que ademais, con toda grandilocuencia, explicaba que ían levar a cabo un innovador plan, plan que aínda estamos esperando por el. Nin están dispoñibles a maioría dos servizos pola tarde (lembramos que nesta semana comezan as clases de secundaria e ciclos, polas mañás apenas haberá demanda de servizos), nin se remunicipalizou ningún servizo e dende logo non se están cumprindo os parámetros que marca a Carta Europea, onde se especifica que debe ser atendido por persoal especialmente formado para iso, debe ter un horario coas necesidades da mocidade e o propio centro debe esforzarse por alcanzar o maior número de mozos e mozas” explica Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo afirma que nas recentes lexislaturas gran parte do patrimonio e traballo multidisciplinar en políticas de xuventude está sendo desmantelado dun xeito inexplicable. Dende a liquidación do programa “Súbete ao Castro”, que xerou naquela altura numerosas queixas, non sendo substituído por ningún outro de xeito análogo, ao desmantelamento da Casa sa Xuventude e o ‘Punto Xove’ fai agora un ano. “Limitarse a expedir o ‘carné xove’ non pode ser considerado política activa de xuventude. É preciso un plan específico e volver a dotar á Casa da Xuventude tanto do persoal como dos medios neceasarios para volver a dar servizo a toda a mocidade que ata fai un ano acudía alí” conclúe Marga L. Barreiro.