marea de vigo leva ao pleno do concello a situación en materia de dotacións educativas en vigo

26 de Xullo de 2019

MAREA DE VIGO-SON EN COMÚN LEVA NA SÚA PRIMEIRA MOCIÓN A PLENO NESTA LEXISLATURA A PROBLEMÁTICA DE FALLA DE RECURSOS EDUCATIVOS EN CENTROS PÚBLICOS VIGUESES.

Oriana Méndez: “A Lomce, as decisións enmarcadas nos sucesivos orzamentos da Xunta de Galicia e dos gobernos centrais, as zonificacións escolares arbitrarias e as redimensión do cadro de persoal docente xustificáronse como decisións estratéxicas e ineludibles, pero a realidade do que estamos a vivir na cidade de Vigo amosa outras aristas preocupantes. Nada pode xustificar a merma de recursos educativos e de consensos na comunidade educativa.”

Vigo, 26 de xullo de 2019. Nesta moción Marea de Vigo-Son En Común pretende subliñar que co remate do curso escolar numerosos centros educativos de Vigo se teñen atopado con casuísticas variadas de recortes educativos e falla de planificación escolar. Especialmente preocupante é a situación CEIP Eduardo Pondal de Sampaio.

Nuns centros a problemática é pola merma de atención educativa como no citado Eduardo Pondal, cunha nada despreciable matriculación de 75 nenos e nenas para o curso 2019/2020, e onde sufriron a eliminación do servizo de apoio pedagóxico para os nenos e nenas con diversas problemáticas que precisan deste servizo complementario á tarefa docente do/da profesor/a-titor/a. Noutros centros a situación é máis grave ao eliminarse este servizo coa promesa de restablecelo, sen novas ate o día de hoxe.

As sucesivas medidas económicas e lexislativas que se teñen aplicado en Galicia e na nosa cidade dentro do ámbito do sistema educativo público teñen sido presentadas como accións ineludibles orientadas a optimizar o funcionamento dos centros educativos en aras dunha suposta excelencia e dunha racionalización dos recursos.

O que queremos subliñar con esta mocion, sinala Oriana Méndez, Concelleira de Marea de Vigo-Son En Común é que “a Consellería sigue sen abordar as dotacións educativas necesarias para a cidade, especialmente no tocante a persoal docente para alumnado con necesidades especiais, continúa sen abrir un diálogo franco e participativo sobre a necesaria nova zonificación escolar que permita dunha vez por todas considerar o transporte escolar coma un servizo público e que sexan as necesidades dos centros escolares as que unicamente determinen as necesidades dese transporte e non ao revés.”

Na proposta de acordo da moción de Marea de Vigo-Son En Común, instase á Xunta de Galicia a aumentar sensiblemente as dotacións educativas dos centros educativos de Vigo, recuperando liñas educativas, dotando de docentes permanentes e en todos os centros para o alumnado con necesidades educativas especiais nos centros que, como o Eduardo Pondal, foron privados destes servizos en datas recentes e naqueles que non o teñen actualmente. Igualmente, insta á Consellería de Educación a abrir urxentemente o diálogo coa comunidade educativa viguesa, co consello municipal de educación, con Foanpas, etc.. de cara a artellar unha axeitada e consensuada nova zonificación escolar para Vigo.