marea de vigo levará ao pleno do mércores unha moción urxente para a implantación immediata de medidas na cidade ante o novo estado de alarma.

26 de Outubro de 2020

Marea de Vigo levará ao Pleno do mércores unha moción urxente para a implantación immediata de medidas na cidade ante o novo Estado de Alarma.

Rubén Pérez: “Queremos que se debata sobre a implicación real do novo decreto de Estado de Alarma na nosa cidade e que se aproben urxentemente medidas económicas para axudar aos sectores máis vulnerables”.

Vigo, a 26-10-2020. Marea de Vigo vén de rexistrar unha moción urxente para ser debatida no vindeiro Pleno do mércores ante o decreto dun novo Estado de Alarma no día de onte, decreto que obriga á toma de determinadas medidas por parte tanto da Xunta coma do Concello, “que deberán deixar de improvisar con respecto a determinadas cuestións derivadas da crise da COVID-19 como as delimitacións horarias, tal e como levan facendo meses – sinala Rubén Pérez -. A día de hoxe e no que levamos de día, a Xunta de Galicia aínda non respondeu ao RD decretado onte con respecto ás súas competencias así como a tódalas cuestións que deben ser complementadas desde as CCAA” engade o voceiro.

O que pretende a Marea de Vigo con esta moción é que, “cun Estado de Alarma que se vai prolongar previsiblemente ata maio, todas e cada unha das medidas que se foron propoñendo nos últimos meses, sexan implementadas definitivamente – apunta Rubén Pérez -. Debemos debatir sobre todas estas cuestións no vindeiro Pleno, e é preciso declarar xa a cancelación de certas actividades que este Goberno local pretende levar adiante contra toda lóxica e ante a situación epidemiolóxica que estamos vivindo. Pretender o funcionamento da noria ou mercado de Nadal tal e como estan formulados a día de hoxe son exemplos da absoluta irresponsabilidade. Hai contratos que xa están pechados, como o do alumeado de Nadal, neste caso debe ser executado xa que hai un compromiso de pago ineludible por parte da administración local”.

“É preciso reorientar inmediatamente certos recursos a políticas de promoción económica, sobre todo para o sector da hostalería e o comercio, que van vivir un Nadal previsiblemente moi negativo” apunta Rubén Pérez, que insiste na necesidade de orientar o vindeiro orzamento para o 2021 tendo en conta a incidencia da crise económica provocada pola crise sanitaria. “Non se pode propoñer un novo orzamento para o 2021 baseado en humanizacións e outras cuestións que agora mesmo non son prioritarias para a veciñanza viguesa. Todos os recursos deben dirixirse a crear un muro de contención para poder paliar todas as eivas en materia económica, de emprego e tamén en exclusión social que vamos a vivir nos vindeiros meses”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo tamén reitera a necesidade de reforzar a atención primaria e os servizos hospitalarios para evitar un novo colapso que retrase novamente operacións cirúrxicas e diagnoses urxentes.

Podedes ler aquí o texto da moción: Moción urxente estado de alarma outubro 2020