marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción en apoio ás tcae’s.

16 de Xullo de 2018

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción en apoio ao persoal TCAE do SERGAS na que pedirán á Xerencia do Álvaro Cunqueiro a retirada dos expedientes sancionadores.

Na proposta de acordos, inclúese instar á xerencia do HAC a que “faga responsable á sociedade concesionaria e ás empresas que contrata para a realización de diversas funcións, xa que ambas reciben cuantiosas remuneracións anuais de cartos públicos”.

Marga L. Barreiro: “As persoas responsables desde a Consellería de Sanidade e a Xerencia do HAC están tratando de paliar as deficiencias da xestión privada do hospital e a súa incapacidade fronte á sociedade concesionaria facendo que o persoal TCAE asuma tarefas que non lle corresponden.”

Vigo, 16-07-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno, que se celebrará este mércores 18 de xullo, a moción que xa fora rexistrada no pasado mes, cando estallaba o conflito pola recollida dos sacos de roupa sucia no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Nestas últimas semanas, o persoal TCAE (Auxiliares de Enfermería) ten levado a cabo unha serie de mobilizacións e xornadas de folga na defensa das súas condicións laborais. Mobilizacións que, en definitiva, son provocadas polas consecuencias do modelo privatizador da Sanidade. “Este conflito é unha evidencia máis do fracaso que supón este modelo de xestión , no que ademais se premia con altos beneficios ás empresas privadas a costa do conxunto da cidadanía, a través de elevadísimos custos pagados con cartos públicos” engade Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.

Ante as accións e mobilizacións levadas a cabo polo persoal TCAE, a Dirección decidiu trasladar á inspección do SERGAS o estudo para a aplicación de sancións. Este feito, cualificado pola Marea de Vigo como unha ‘actitude impresentable’, “responde soamente á necesidade que ten a a xerencia do HAC en culpabilizar ás traballadoras cara á opinión pública para tapar as súas deficiencias” segundo explica Marga L. Barreiro, polo que, na moción que será defendida o vindeiro mércores, o grupo municipal instará á retirada destes expedientes sancionadores.

“Estase tratando de enfrontar ao persoal das empresas privadas e ao persoal do SERGAS, cando o problema vén desde o momento no que se decide privatizar a xestión do Álvaro Cunqueiro a través dunha sociedade concesionaria, sociedade que, por certo, non deixa de obter beneficios ano tras ano, e sobre a cal semella que a Consellería de Sanidade non ten capacidade ao non ser quen de facer cumprir coas súas obrigas” conclúe Marga L. Barreiro.