marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción en defensa da toponimia tradicional.

20 de Xullo de 2017

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción na defensa e respecto da toponimia onde se inclúe a opción da dedicatoria en combinación á toponimia tradicional.

Xosé Lois Jácome: “Existe lexislación sobre a defensa da toponimia desde o ámbito das Nacións Unidas ata acordos no propio Concello de Vigo, tanto en Pleno como con asociacións vinculadas coa conservación do patrimonio cultural”

O Concello de Vigo, a través de diferentes acordos ao longo dos anos, foi pioneiro na protección, defensa e mantemento da toponimia tradicional. Púxose en valor e recoñecemento a relevancia cultural, histórica e antropolóxica dos nomes dos lugares, herdados de xeración en xeración durante centurias e, nalgúns casos, durante milenios.

Esta defensa e mantemento da Toponimia, segundo explica Xosé Lois Jácome, “conta cunha ampla lexislación, a varios niveis, que así a sosteñen e sobre a cal baseamos a nosa moción”

No ámbito da UNESCO, na Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial de 2003, asumida tamén polo Estado español no ano 2006, xa se recomendaba o respecto á toponimia tradicional como patrimonio inmaterial da humanidade.

Na mesma liña van as recomendacións dos organismos culturais internacionais, destacando a declaración do Grupo de Expertos de Nacións Unidas para os Nomes Xeográficos realizada o 28 de maio de 2014 na que se declara a toponimia como parte integral do patrimonio cultural intanxible xa que “constitúen compoñentes esenciais das linguas e conservan formas que evidencian a súa evolución” e porque “son valiosas testemuñas da historia e dos modos de vida pasados ou actuais”. A esta declaración sumouse a Real Academia Galega, institución e autoridade en materia de lingua galega.

A Lei 10/2015, do 26 de maio, para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, sinala no Título I, Artigo 2, que terán consideración de bens de patrimonio cultural a toponimia “como instrumento para la concreción de la denominación geográfica de los territorios”. Ou a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia onde, no seu artigo 9.3 se declara a toponimia como ben de patrimonio cultural, así como outros artigos da mesma lei que abundan no mesmo, salvagardando os valores culturais dos bens do patrimonio cultural, como é o caso da toponimia, sendo esta un valor identitario da Comunidade e un instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens.

Alén disto, tamén explicado na moción, existen diversos acordos asinados por parte do propio Concello de Vigo. No ano 2002 asinouse un acordo onde este comprometíase, xunto á Universidade de Vigo (a través do seu Departamento de Filoloxía Galega e Latina), a Federación de Asociacións de Veciños e a Asociación Galega de Onomástica, a cumprir a Declaración pola Preservación da Toponimia Tradicional.

Mais, na mesma liña, e esta vez impulsado tamén pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, o Instituto de Estudos Vigueses, a Asociación Galega de Onomástica e a Federación de Asociacións Veciñais, aprobouse en outubro do 2004, por unanimidade, unha moción no Pleno do Concello de Vigo, na que, literalmente lese na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas (entidades de poboación, urbanizacións, prazas, rúas, complexos urbanísticos, bloques de edificio etc.) preferirase sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.

Baseados nesta realidade, e na diferente lexislación que existe con referencia á Toponimia, o Grupo Municipal da Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno do mércores unha moción, na que, de xeito explícito, pídese o cumprimento do establecido no Pleno do Concello do 25 de outubro do 2004, asumindo así a lexislación autonómica e estatal ao respecto, xunto cos consellos dos organismos internacionais expertos na materia.

Mais, pola contra, e sendo conscientes do regulamento de honras e distincións do Concello, a Marea de Vigo vai propoñer ao pleno unha fórmula intermedia para poder garantir a protección da toponimia tradicional e a chamada “toponimia conmemorativa ou de repertorio” (persoas ou feitos que se queiran homenaxear).

Isto sería na práctica, segundo Xosé Lois Jácome, “poñer nas vindeiras denominacións xeográficas os nomes oficiais da toponimia tradicional en combinación cunha dedicatoria a unha figura ou feito escollido polo propio pleno, como é o caso da Rúa Real, adicada a Juan Compañel”