marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción para a mellora das infraestruturas no barrio de pereiró.
Por Marea de Vigo

O Grupo municipal da Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción para a mellora das infraestruturas no barrio de Pereiró.
“Tras as múltiples denuncias feitas por ACOPE (Asociación de Comerciantes de Pereiró), pediremos no Pleno ás cesións dos terreos ao Concello , así como a adicación de fondos EDUSI en materia de mobilidade para o barrio” explica Xosé Lois Jácome.
Vigo, 23-01-2019. No pasado mes de outubro, o Grupo municipal da Marea de Vigo reuníase coa asociación, que lle daba traslado das denuncias que levaban feito durante máis de cinco anos, dada a lamentable situación na que, a todas luces, atópanse varias infraestruturas do barrio. “Tras ter solicitado, tanto na Xunta coma no Concello de Vigo, a realización das xestións necesarias para clarificar as competencias sobre os terreos do treito inicial da PO-330 (Avda. de Castrelos), a situación non ten avanzado e é por iso que levamos esta moción ao Pleno” explica Xosé Lois Jácome, concelleiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.
“O que acontece neste barrio é unha clara mostra da desigualdade entre diferentes zonas de Vigo en canto a dotacións, non é admisible que a veciñanza de Pereiró, que paga os mesmos impostos que o resto, teña rúas por onde non poida pasar un carro de bebé cando por outras podería facelo un tráiler (por cuestións de tamaño), ou mesmo na cuestión da iluminación pública, resulta case grotesco que nesta cidade esteamos falando de zonas absolutamente carentes de ningún tipo de iluminación pola noite porque non entra unha farola dada a falta de espazo na beirarrúa” matiza o concelleiro.
O grupo municipal tamén pedirá a sinatura dun Convenio entre Xunta e Concello vinculado á cesión, para que tanto a Xunta coma o Concello colaboren para a urbanización completa do barrio nunha sola actuación. Do mesmo xeito tamén pedirán a realización dun estudo de mobilidade para os viais da zona ante a alta densidade de tráfico actual xerado por ser unha vía de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro.