marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción para pedir a reapertura do vigosónico con xestión pública que garanta a continuidade do servizo.

14 de Xaneiro de 2022

Marea de Vigo levara ao vindeiro Pleno unha moción para pedir a reapertura do Vigosónico con xestión pública que garanta a continuidade do servizo.

Oriana Méndez: “Dende a Marea de Vigo queremos denunciar que o peche de Vigosónico sen ningún tipo de comunicacion pública nin explicación, deixa sen servizo a máis de 200 bandas locais, así como a moitas outras veciñas e veciños, maioritariamente mocidade, que empregaban as instalacións: a sala de ordenadores, os cursos (de fotografia, de iniciación á edición de son, entre outros) así como os eventos que se organizaban”.

Vigo, 14-01-2022. A concelleira da Marea de Vigo, Oriana Méndez, que mantivo onte á tarde unha xuntanza con varias das persoas afectadas, lembra que “a cultura de base ten q promoverse e protexerse dende o Concello, non maltratarse, que é o que se está facendo”. Un maltrato, segundo Oriana Méndez, traducido nunha falta de apoio “que levou á disolución dalgunhas desas bandas porque o aluguer dun local de ensaio privado está en 10€/hora”. Un grupo que queira ensaiar dúas horas á semana ten que desembolsar 80€ ao mes, “algo inasequible para moita xente nova que utilizaba Vigosónico” matiza.

Para a Marea de Vigo é especialmente grave dada a alta demanda que existiu dende o primeiro día; “Había ata lista de espera para os locais de ensaio, xa que eran os únicos locais de ensaio municipais en toda a cidade, porque os anteriores espazos xuvenis: no castro co programa “Súbete ao Castro” e na Casa da Xuventude, foran xa clausurados polo Goberno de Abel Caballero”.

Vigosonico pechou en marzo de 2020 por mor da pandemia “mais despois, cando todo comezou progresivamente a abrir coas debidas medidas sanitarias, Vigosónico nunca máis o fixo” lamenta a concelleira. “Dende o Concello tardouse 8 meses, é dicir, ata novembro de 2020, en responder ás chamadas reiteradas dos usuarios/as para poder entrar a recoller os seus instrumentos, e para cando puideron entrar, moitos estaban xa estragados pola humidade – matiza Oriana Méndez -. Non podemos entender este desprezo, esta falta do mínimo respecto, á veciñanza da cidade”.

“Dende a Marea de Vigo, volvemos esixir que o Goberno local atenda a petición de reapertura que están facendo os grupos de música, que Vigosónico volva abrir as súas portas con xestión pública que garanta a continuidade do servizo e así o defenderemos no vindeiro Pleno do Concello, agardando que así tamén o faga toda a corporación de xeito unánime” conclúe Oriana Méndez.