marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción pedindo a incorporación do persoal asociado ao aparcadoiro da praza de portugal ao contrato actual, cumprindo así parte do acordo plenario aprobado por unanimidade no 2016.

18 de Decembro de 2018

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción pedindo a incorporación do persoal asociado ao aparcadoiro da Praza de Portugal ao contrato actual, cumprindo así parte do acordo plenario aprobado por unanimidade no 2016.

O grupo municipal da Marea de Vigo reiterará na súa moción a esixencia da convocatoria da Comisión de Vixilancia da Contratación, obrigatoria segundo o Regulamento do Pleno pero que xamais se convocou no que levamos de lexislatura.

Vigo, 18-12-2018. A recente apertura do aparcadoiro da Praza de Portugal sen respectar o listado de persoal que figura mesmo no actual expediente de contratación, por parte ademais da mesma empresa adxudicataria da XER, cuxo persoal leva nunha folga dende hai máis de 100 días, motivou a presentación desta moción por parte do Grupo municipal da Marea de Vigo, na que pide o cumprimento dun acordo plenario aprobado por unanimidade en xaneiro do 2016 xunto a outros acordos relativos ao control público sobre as concesións municipais. “A reapertura deste centro sen o seu persoal e do xeito no que se fixo só viu amosar, unha vez máis, a vergoñenta xestión das concesións públicas por parte do alcalde do PSOE, Abel Caballero” matiza Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

En setembro e decembro do 2015, para a sorpresa dos seus cadros de persoal, pechaban os aparcadoiros da Porta do Sol e da Praza de Portugal, deixando a once familias na rúa e cun futuro laboral moi incerto. No propio mes de decembro dese ano, o Grupo municipal da Marea de Vigo rexistraba unha moción que ía ao Pleno no mes de xaneiro do 2016, na que pedía que se respectara o dereito de subrogación da totalidade do cadro de persoal de ambos centros de traballo en base ao convenio colectivo de aplicación, o artigo 44 do ET e un acordo plenario do 30 de abril do 1996, no que xa daquela altura quedaba aprobada a imposición da subrogación en dereitos e obrigas coas adxudicatarias de servizos municipais. Esta moción, aprobada por unanimidade, garantía que, con independencia do tempo que pasara, este persoal volvería ao seu centro de traballo cando este fora concesionado de novo. Isto aconteceu hai escasos días, mais o persoal non volveu ao aparcadoiro. “Somos conscientes de que, pasados estes anos, pasados os varios procesos xudiciais aos que se tivo que enfrontar o persoal, e pasada a falta de vontade política que provocou esta situación, é case imposible que se poida dar unha situación de subrogación nos termos nos que tería que ter sucedido, mais existen alternativas que pasan pola contratación destas persoas no mesmo centro, e entendemos que, se desta volta aparece a vontade política e a coherencia por parte do Goberno do PSOE, poderemos atopar solucións” explica Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Dende o inicio da lexislatura, Marea de Vigo leva incidido moito en todo o relativo á contratación pública, “sobre a que existe unha grande eiva neste Concello”. “O problema non é outro que, por unha banda, a, chamémoslle ‘permisividade’ por parte do Goberno local con respecto a deixar facer ás empresas concesionarias, tal e como está amosando ademais agora mesmo no conflito da XER, e pola outra, a insistencia por parte do Goberno do PSOE, en primar os criterios económicos nos concursos públicos por enriba dos técnicos ou dos relativos ao persoal, provocando, na meirande parte das concesións que contan con persoal subrogable, cunha morea de problemas no eido laboral” conclúe Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.