marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción pedindo mecanismos participativos nos próximos orzamentos municipais.

26 de Outubro de 2018

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción pedindo mecanismos participativos nos próximos orzamentos.

O grupo municipal pediŕa que se destinen 2 millóns de euros no capítulo de investimentos para que haxa un proceso de participación e decisión cidadá nos barrios e parroquias viguesas.

Vigo, 26-10-2018. “Non é a primeira vez que a Marea de Vigo fai propostas sobre a aplicación deste tipo de ferramentas en materia orzamentaria, mais nesta ocasión, e co gallo do próximo anuncio sobre as propostas de orzamento para o 2019, queremos trasladar este debate ao Pleno – afirma Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo – Ata o de agora o alcalde sempre contestou que el xa facía políticas participativas posto que se reunía cos presidentes das asociacións para contarlles o que ía facer o seu Goberno, mais este feito dista moito de parecerse á participación real, máis aínda no caso de Vigo, onde as relacións coas asociacións funcionan ó arbítreo do goberno municipal e do momento, a modo de premio e castigo. Hai ferramentas, que xa existen, para facer partícipes do gasto público á veciñanza, de xeito que calquera veciño ou veciña, estea ou non nunha asociación ou organizado no seu barrio, poida participar”.

Na moción, Marea de Vigo pon como exemplos a cidade da Coruña ou Santiago de Compostela, cidades que “teñen feito importantes avances recoñecendo á cidadanía e o seu dereito á participación na xestión municipal, asumindo así a súa capacidade non só para escoller aos seus representantes, senón na posibilidade de tomar decisións respecto ao gasto do orzamento, en algo que é de todas e todos e para o ben común”. Nesta liña, Rubén Pérez destaca que “o propio código de bo goberno da FEMP, entidade presidida polo mesmo Abel Caballero, establece, nas súas ‘Medidas para a mellora da democracia participativa’, insta aos concellos a ‘implementar Orzamentos Participativos como instrumentos de mellora da participación da cidadanía na asignación dos recursos públicos e na definición de obxectivos prioritarios de xestión’, sendo tamén aprobado este código no Pleno do Concello de Vigo, polo que lle pedimos ao goberno do PSOE que sexa coherente”.

A cantidade proposta pola Marea de Vigo para ser adicada aos orzamentos participativos é de 2 millóns de euros para o primeiro exercicio no que se leven a cabo, esta cantidade pertence ao capítulo de investimentos, suporía aproximadamente un 7% do total do capítulo e iría circunscrita a unha serie de actuacións concretas, como poden ser cuestións relacionadas coas humanizacións, que a veciñanza poida decidir sobre parques públicos, parques infantís, xardíns, melloras nos mercados e espazos públicos…etc, introducindo deste xeito en Vigo unha cultura de decisión veciñal real, na que calquera veciño ou veciña que queira participar no proceso e converter os orzamentos da cidade nun orzamento colectivo poida ter o seu espazo. “De este modo, evitaríamos que os investimentos queden ao arbítreo unipersoal dun concelleiro ou concelleira, senón que estas sexan realizadas ao criterio colectivo da cidadanía, que en moitas ocasións se queixa precisamente desa arbitrariedade nos investimentos, afirmando que existen grandes desigualdades entre os barrios e parroquias viguesas” engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.