marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción pola defensa do servizo público de correos.

25 de Maio de 2018

Marea de Vigo levará ao vindeiro pleno unha moción pola defensa do servizo público de Correos tras o último recorte nos Orzamentos Xerais do Estado.

Xosé Lois Jácome: “Os efectos na nosa provincia e na comarca de Vigo poden ser enormes, reducíndose e incluso desaparecendo moitos servizos de reparto, pechando oficinas en certas zonas ou suprimindo de postos de traballo de ámbito rural”

Vigo, 25-05-2018. A recente aprobación dos orzamentos xerais do Estado trouxo para a empresa pública Correos un novo recorte no financiamento adicado á prestación do Servizo Postal Universal. “Este recorte– sinala Xosé Lois Jácome- sumado aos 120 millóns de euros que xa se recortaron no pasado exercicio orzamentario do 2017, veñen consagrar un modelo de xestión pública encamiñado ao seu deterioro, o paso previo e imprescindible que sempre se provoca cando aparecen privatizacións e externalizacións” .

Na moción e segundo explica o concelleiro Xosé Lois Jácome, “o impacto deste deterioro o van sufrir, por unha banda, a veciñanza e as empresas que se atopan en ámbitos non urbanos e zonas rurais, que verán o servizo moi minguado e incluso con supresións do mesmo en moitos casos, e pola outra, como sempre acontece ao falar de servizos públicos, os postos de traballo.” Desde o ano 2010, desapareceron 15.000 postos de traballo no ámbito do estado, 155 na provincia de Pontevedra. O próximo axuste podería implicar, na provincia de Pontevedra, a supresión de 335 postos de carteiras e carteiros.

Marea de Vigo defenderá o vindeiro mércores o rexeitamento por parte do Pleno do Concello aos recortes orzamentarios no Servizo de Correos, así como a instancia ao Goberno para corrixir un recorte que ten consecuencias claramente negativas para a cidadanía, para Correos e para os seu cadro de persoal. Así mesmo pídese a restitución dos 120 millóns de euros recortados nos Orzamentos Xerais do Estado do 2017 ao servizo,e o desbloqueo do Convenio Colectivo e Acordo funcionarial, bloqueado dende fai máis de 4 anos.

Marea de Vigo apoiará todas as mobilizacións que convoquen os sindicatos de Correos, que, ante a situación actual xa teñen convocado unha serie de paros que comezarán o vindeiro 7 de xuño cun paro de 2 horas.