marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción pola promoción de políticas en materia de vivenda pública e control de prezos de aluguer.

10 de Setembro de 2021

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción pola promoción de políticas en materia de vivenda pública e control de prezos de aluguer.

Ante a problemática de vivenda na nosa cidade, Marea de Vigo considera necesario evitar o discurso paralizante de quen ten ou non competencias en materia de vivenda, co obxectivo de actuar de inmediato para dotar a Vigo dun parque público ou dun stock accesible de vivendas en réxime de alugueiro.

“O Concello, en base as competencias que outorga a Lei de Bases perfectamente pode asumir as devanditas competencias en materia de vivenda sen ter que esperar pola Xunta” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

 

Vigo, 10-09-2021. No vindeiro Pleno Marea de Vigo defenderá unha moción que aboga pola promoción de vivenda pública e control de prezos de aluguer “ante un mes de setembro no que a realidade social da cidade resulta extremadamente preocupante no tocante ao acceso á vivenda”, e no que está sendo sendo “case imposible atopar vivenda en réxime de aluguer a un prezo que non sexa desorbitado” segundo explica Rubén Pérez. “O exemplo disto – engade – o están vivindo moitos/as estudantes que chegan á cidade pero tamén entre familias ás que os seus contratos de alugueiro remataban nos meses de verán producíndose entón alzas brutais nos prezos dos inmobles”, moitos dos cales acaban no parque de vivenda turística que non para de medrar nesta cidade”.

A moción, desenvolvida ao calor do anunciado para o novo Plan Xeral, pide que se prioricen os ámbitos que figuran no Plan Xeral como ámbitos de protección oficial, pero que ademais “sexa o Concello quen actue como promotor directo”, xestionando de maneira pública ese parque de vivendas, que, segundo a Marea de Vigo, “debe estar orientado a alugueiro e alugueiro con opción a compra, xa que son estas as modalidades nas que están anotados a maior parte dos vigueses e viguesas no rexistro de demandantes de vivenda pública” matiza o voceiro.

Marea de Vigo defenderá que se inste ao Goberno do estado a regular de xeito urxente os prezos do alugueiros no marco da nova Lei Estatal de Vivenda e á Xunta, tamén no marco das súas competencias, a executar políticas en materia de vivenda para dar cobertura urxente ás máis de 5.000 familias e particulares demandantes de VPO.

“Consideramos que estas medidas deben implementarse de xeito inmediato por todas as administracións segundo as súas responsabilidades e competencias, o acceso á vivenda digna está sendo cada día máis difícil para moitos vigueses e viguesas e é preciso poñer xa solucións enriba da mesa” conclúe Rubén Pérez.