marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción sobre control de prezos de alugueiros abusivos.

24 de Marzo de 2021

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción sobre control de prezos de alugueiros abusivos, garantías para persoas arrendatarias e pequenos/as propietarios/as.

Rubén Pérez: “É un momento decisivo no futuro de moitas familias na nosa cidade, que, tras a baixada de lanzamentos por mor das medidas adoptadas pola crise sanitaria, o endebedamento ao que se está chegando pode xerar unha situación extremadamente grave para centos de familias en poucos meses de non tomar ningunha medida”.

24-03-2021. Na rolda de prensa ofrecida hoxe, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo trasladou o contido da moción que levará o Grupo municipal ao vindeiro Pleno. “Na moción explícase o que está acontecendo arredor do mercado de alugueiros, e, en concreto, no caso de Vigo, onde a situación resulta alarmante posto que a maior parte de altas de novos edificios, dentro incluso do sector da rehabilitación, son para pisos turísticos, sempre a costa dos alugueiros para as familias, co impacto que isto implica no propio mercado de alugueiros e nos prezos”.

Segundo detalla Marea de Vigo na súa moción presentada hoxe, “Vigo segue sendo unha cidade onde o risco de pobreza sigue estancado no 21%, e neste contexto o acceso á vivenda comenza a ser un serio obstáculo para as familias, nun contexto ademais no que hai unha ausencia total de vivenda con algún tipo de promoción pública e con máis de 18.588 vivendas baleiras segundo os propios datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias”.

“A proposta que vén de presentar o Ministerio de Fomento ás CCAA e aos concellos incumpre flagrantemente o acordo de Goberno de coalición así como todo o expresado ata agora por parte do Goberno do estado, poñendo enriba da mesa unha situación de vulnerabilidade social para moitas familias de centos de cidades no conxunto do estado” sinalou Rubén Pérez.

Marea de Vigo quere, levando esta moción ao Pleno instar ás tres administracións, Goberno do Estado, Xunta e Goberno local a tomar medidas en materia de vivenda, xa que, segundo apuntou Rubén Pérez, “todas teñen diferentes competencias na materia”. O voceiro apelou ao traballo conxunto das tres administracións á vez que criticou o uso interesado que fan das competencias os diferentes grupos políticos: “Discrepamos por tanto do debate que sempre trasladan ao Pleno tanto o Partido Popular como o Partido Socialista sobre a asunción de competencias en materia de vivenda, responsabilizando segundo quen ostente o poder en cada administración. Hai cuestións que poden abordar cada unha das tres administracións e resulta esencial que así se faga. É necesario ademais adoptar mecanismos que garantan o cumprimento efectivo do dereito a unha vivenda digna e adecuada para todas as persoas”.

Marea de Vigo volverá a pedir no Pleno a creación dun Parque municipal de vivenda de emerxencia con vivendas procecentes de cesións da SAREB, aproveitamentos lucrativos de convenios urbanisticos e cesións voluntarias de activos de entidades bancarias.

📌Texto da moción 👉🏽 mocion marzo 2021. alugueiro rexistrada