marea de vigo levará unha moción ao pleno para pedir o reforzo dos servizos sociais comunitarios en materia de dereitos das persoas migrantes.

21 de Decembro de 2021

Marea de Vigo levará unha moción ao Pleno para pedir o reforzo dos servizos sociais comunitarios en materia de dereitos das persoas migrantes.

Oriana Méndez: “A nosa cidade mellorará no presente e no futuro se favorece a integración social plena da poboación migrante, en condicións de legalidade e de seguridade, e así o defenderemos no vindeiro Pleno”.

Vigo, 21-12-2021. A cidade de Vigo conta con perto de 18.500 persoas estranxeiras censadas, que veñen representar o 6% da cidadanía viguesa. “Mais isto só é na teoria – sinala Oriana Méndez -, xa que, cando consultamos ás asociacións que traballan pola integración das persoas migrantes, como aconteceu onte na xuntanza que mantivemos coa Asociación Diversidades, coñecemos que na realidade hai aproximadamente 1000 persoas máis que están en situación irregular”.

Na maior cidade de Galicia, que conta cunha poboación migrante con relevancia, Marea de Vigo considera que “é fundamental contribuír dende o municipal para garantir o cumprimento dos seus dereitos e a súa inclusión plena na sociedade, promovendo a súa participación, a igualdade de oportunidades e a integración social e laboral” apunta a concelleira. “Por iso levaremos unha moción ao vindeiro Pleno deste mes de decembro, co obxectivo de conseguir acordos para instar ao Goberno central, á Xunta de Galicia pero tamén ao Goberno municipal, xa que existen numerosas medidas que dende o ámbito municipal, o máis concreto e directo, se poden levar a cabo para favorecer a integración das persoas migrantes e a convivencia”.

Marea de Vigo defenderá a recuperación da figura da Oficina Municipal de Atención ás Persoas Inmigrantes na súa totalidade, “coa necesaria atención ao público para que o acompañamento e o asesoramento municipal sexa real e efectivo, máis aló de ser un espazo que se limita a recoller documentación burocrática” matiza Oriana Méndez. Nese sentido, o Grupo pedirá a reincorporación da figura do Mediador/a Intercultural Municipal “como profesional que pode facilitar a explicación da información administrativa, económica, ou doutra índole nunha clave cultural comprensible para as persoas migrantes” engade a concelleira.