marea de vigo levará unha moción solicitando o posicionamento do pleno na defensa da autodeterminación do sáhara occidental e a prol dun un cambio de criterio do goberno do estado.

24 de Marzo de 2022

Marea de Vigo levará unha moción solicitando o posicionamento do Pleno na defensa da autodeterminación do Sáhara Occidental e a prol dun cambio de criterio do Goberno do estado.

Oriana Méndez: “Ante o terrible erro do presidente do Goberno do estado, Pedro Sánchez, dando cobertura e viabilidade ao plan do Goberno de Marrocos para o Sahara Occidental, a nosa cidade non pode permanecer calada ou neutral”.

Marea de Vigo apoia a mobilización convocada por SOGAPS que terá lugar mañá venres.

Vigo, 24-03-2022. Dende o proceso de descolonización do Sahara Occidental, ocupada militarmente por Marrocos desde o 1975, “Vigo ten sido cidade solidaria coa causa do Sáhara Occidental e coa lexítima loita do Fronte Polisario” afirma Oriana Méndez. Durante a guerra, e tamén posteriormente cos acordos de paz, “a nosa cidade configurouse como unha cidade solidaria e acolledora de miles de nenos e nenas dentro dos programas de Vacacións en Paz organizados pola Sociedade Galega de Amizade co Pobo Saharaui (SOGAPS) – engade -, asociación que naceu en Vigo, sendo a máis activa do estado e que, tamén queremos lembrar hoxe, foi nomeada Viguesa Distinguida no pasado ano 2020”.

O recente e significativo xiro que vén de dar o Goberno de España en boca do seu presidente, en contra da postura histórica do Estado español que sempre avogara por unha solución ao conflito en liña co marcado nas resolucións da ONU que recoñecen a soberanía política do Sahara Occidental , “rompe o consenso internacional expresado polas Nacións Unidas, a Unión Africana, ou o Tribunal de Xustiza Europeo que reiteradamente non recoñeceron ningunha soberanía de Marrocos sobre o Sahara Occidental, feito ante o cal a nosa cidade non pode permanecer calada ou neutral” asegura a concelleira.

Marea de Vigo pedirá no Pleno que a cidade se posicione en apoio á resolución do conflito do Sahara no marco do proceso de descolonización sustentado nas resolucións da ONU incluído o dereito de autodeterminación do pobo saharauí mediante un referendo e o rexeitamento ao plan do Reino de Marrocos de autonomía para o Sahara Occidental por non dar cumprimento ás resolucións da ONU.

Igualmente, Marea de Vigo pedirá que se reafirme o compromiso coa solidariedade co Sahara Occidental a través do reforzamento de iniciativas solidarias e de máis recursos nos vindeiros orzamentos municipais para as mesmas.

📌Texto da moción 👉🏽mocion mdv rexistrada