marea de vigo manterá unha xuntanza con mikel arana, director xeral de ordenación do xogo, para denunciar a situación de impunidade dos locais de xogos, apostas e casinos en vigo.

16 de Outubro de 2020

Marea de Vigo manterá unha xuntanza con Mikel Arana, Director Xeral de Ordenación do Xogo, para denunciar a situación de impunidade dos locais de xogos, apostas e casinos en Vigo.

Na xuntanza, que terá lugar o vindeiro martes día 20 de outubro, o Grupo municipal dará traslado da preocupación do espazo municipalista sobre a proliferación de casas de apostas na cidade e o uso como alternativa de ocio nocturno ao dispoñer de servizos de restauración.

Vigo, a 16-10-2020. Marea de Vigo trasladará ao Director Xeral de Ordenación do Xogo a súa frontal oposición ao criterio esgrimido pola Xunta de Galicia de non restrinxir os horarios de peche destes negocios ao entender que “non hai interación entre clientes” segundo o exposto por Santiago Villanueva, director xeral de emerxencias. Isto, a xuízo de Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo “amosa a clara influencia que o lobby do xogo ten sobre as decisións sanitarias e lexislativas que toma a Xunta de Galicia”.

Marea de Vigo leva denunciada esta situación dende o pasado 28 de agosto, cando se denunciaba por parte do propio Grupo municipal ante as autoridades competentes que “diversos negocios relacionados co xogo e apostas estaban servindo alcohol como alternativa ante o peche do ocio nocturno”, ao non estar estas actividades limitadas polas restriccións horarias, “confirmando deste xeito a patente de corso da que dispoñen os establecementos de xogo amparados, por unha banda, pola norma da Xunta, e análogamente, polo propio Goberno local, que non levou a cabo medida algunha – apunta Oriana Méndez -, nin tan sequera amosando oposición a unha norma que supón un importante agravio ao sector hostaleiro da cidade”.

Ademais do perxuizo á hostaleria local, para a Marea de Vigo “a norma emitida pola Xunta resulta absolutamente incoherente coa suposta intención da mesma, que obriga a pechar os locais de restauración e ocio nocturno á 01:00 pero por outra banda permite que outro tipo de locais permanezan abertos” engade Oriana Méndez.

Na xuntanza, Marea de Vigo denunciará tamén a forte proliferación de casas de apostas na cidade durante os últimos anos, nas que tamén se usan as modalidades de apostas on-line, un tipo de maquinas que incluso podemos atopalas fóra deses espazos, en bares e restaurantes.