marea de vigo non asistirá á toma de posesión do novo delegado de zona franca
Por Marea de Vigo

O grupo municipal da Marea de Vigo non asistirá á toma de posesión do novo delegado de Zona Franca por manter a exclusión do grupo municipal no Pleno do consorcio.
Marea de Vigo segue a considerar que é un uso absolutamente antidemocrático da maioría absoluta por parte do PSOE vigués o feito de que dos seis membros que elixe o Concello de Vigo (un nato que é alcalde e cinco que elixe o Pleno) sexan todos exclusivamente do PSOE, feito inédito na historia da democracia.
Vigo, 17-07-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo, como xa ten expresado, non considera unha boa nova a recente elección do delegado para o ente público, especialmente no tocante a falla de talante democrático, xa que, para a Marea de Vigo, “o Pleno da Zona Franca corre o perigo de converterse definitivamente nunha ‘sucursal’ do goberno de Abel Caballero, instalándose as mesmas prácticas nesta importante administración pública”.
En 2015 a Marea de Vigo foi excluída do Pleno do Consorcio argumentando o cambio normativo aprobado polo Partido Popular ligado á Lei de Racionalidade e Sostibilidade das Administracións Locais RD 27/2013 na que a representatividade do Pleno era substituída pola representatividade da Xunta de Goberno e alcaldía deixando neles o criterio de incluír na proposta de vogais aos grupos presentes no Pleno do Concello. Mentres noutras Zonas Francas no conxunto do Estado se lle outorgou representación a grupos como o da Marea de Vigo, no caso de Vigo o alcalde decidiu, amarrándose a unha Lei do Partido Popular, que soamente representantes do seu partido, o PSOE, ocuparan esas vacantes, nun claro exercicio de falta de democracia.
Marea de Vigo seguirá a defender un modelo para Zona Franca que pense metropolitanamente, que non perda o seu carácter de motor da industria e tecido empresarial da comarca, con órganos plurais e con diálogo permanente con todas as administracións do Estado.