marea de vigo pedirá en pleno a comisión de investigación ao non abrila o propio alcalde.

31 de Agosto de 2018

MAREA DE VIGO PEDIRÁ NO PLENO ORDINARIO DO MÉRCORES A APERTURA DA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN AO TER REXEITADO CONVOCALA O ALCALDE, TAL E COMO SOLICITABA O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO DOUS DÍAS DESPOIS DO ACCIDENTE.

Xosé Lois Jácome: “As administracións son as únicas responsables do acontecido e debe ser nelas e nos seus órganos democráticos e comisións de traballo onde se diriman as cuestións que cada unha dela debe asumir”.

Vigo, 31-08-2018. Na rolda de prensa ofrecida hoxe por parte de Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome, Marea de Vigo fixo unha valoración sobre o que consideran se pode dilucidar da documentación aportada por parte do goberno local, afirmando que “segundo a información que se nos trasladou, en concreto o Plan de Autoprotección, consideramos totalmente fóra de lugar e errado depositar a responsabilidade do accidente de O Marisquiño sobre a propia organización do evento. O feito da aprobación deste Plan xa os exime de toda responsabilidade, polo que estas recaen en exclusiva sobre as administracións, e nelas deberán dirimirse” explicaba Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Pola súa parte, Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, fixo fincapé na actuación que están levando a cabo tanto o goberno local de Abel Caballero “en colaboración” coa Autoridade Portuaria co seu presidente á cabeza. “Non podemos consentir que se lle intente ‘cargar’ a responsabilidade do accidente á organización de O Marisquiño, ou que digan que son eles os que teñen que revisar as infraestruturas da cidade. O presidente da Autoridade Portuaria foi quen de dicir isto en público, e isto, xunto a outras cuestións como a tentativa de privatización dos servizos do porto pesqueiro, a xestión do conflito da estiba ou a relación tan absolutamente dictatorial que ten coa representación das e dos traballadoras/es do Porto sustentan a petición de cese inmediato que imos trasladar”.

Rubén Pérez tamén explicou os motivos polos que a Marea de Vigo vai pedir no Pleno Ordinario a apertura dunha Comisión de Investigación, á marxe do Pleno Extraordinario que, segundo a Marea de Vigo, non é suficiente para dirimir as responsabilidades políticas que corresponden. “O lóxico era que o alcalde, ao ter acontecido algo no seu termo municipal, de ‘motu propio’ abrise unha comisión especial de investigación. Neste caso, non foi así e indicáronnos que tiñamos que solicitala no Pleno, e iso é o que imos facer o vindeiro mércores. Isto precisa dun traballo detallado e con toda a documentación enriba da mesa, no que tamén os técnicos municipais nos poidan explicar o acontecido. Isto é o suficientemente importante como para que non o limitemos a falar 5 minutos cada grupo nun Pleno Extraordinario”.