marea de vigo pedirá no vindeiro pleno que o goberno local asuma as suas responsabilidades ante os incumprimentos da lexislación laboral por parte das concesionarias municipais.

18 de Xullo de 2022

Marea de Vigo pedirá no vindeiro Pleno que o Goberno local asuma as suas responsabilidades ante os incumprimentos da lexislación laboral por parte das concesionarias municipais.

Rubén Pérez: “Unha administración pública debe ser responsable, e cando licita e decide externalizar servizos ten que facer que se cumpran as condicións coas que se concesionou, e entre elas está o cumprimento da lexislación laboral cos cadros de persoal, e se isto non sucede, o que debe facer a administración é sancionar a estas empresas así como tomar as medidas necesarias para facer que se cumpra cos pregos nesta materia”.

Vigo, 18-07-2022. Nos últimos meses estamos asistindo a unha forte conflitividade laboral xeral derivada da actitude da patronal por non querer responder ás obrigas impostas pola nova reforma laboral, “traducidas en moitos casos na negación á aplicación das subidas salariais que corresponden ao ano segundo os convenios colectivos e mesmo a negarse a negociar os propios convenios – afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo -. Mais, cando é a administración pública quen contrata, é esta a que debe esixir o cumprimento dos pregos, nos que figura como condición obrigatoria cumprir coa lexislación laboral de aplicación” en alusión o silencio que mantén o Goberno de Abel Caballero ante os constantes conflitos laborais nas concesionarias municipais.

Especialmente grave para a Marea de Vigo é que “moitas destas empresas concesionarias si que obteñen subidas nos prezos e así as paga o Concello de Vigo mais isto non repertute no persoal tal e como debería acontecer”, algo que, para a Marea de Vigo supón sencillamente “un roubo”.

Exemplos deste silencio son importantes conflitos como o recentemente vivido con VITRASA ou o actual co cadro de persoal do servizo de recollida do lixo, “que vén de desconvocar unha folga prevista para estes días polos incumprimentos da concesionaria” matiza o voceiro. En ambos casos, o Concello de Vigo permaneceu en silencio, “eludindo toda responsabilidade como administración contratante” incide Pèrez.

Para o vindeiro mes de setembro, segundo sinala Rubén Pérez e tal e como teñen trasladado as centrais sindicais, “xa hai convocadas novas xornadas de folga noutras dúas concesionarias municipais. A primeira, do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ante a actitude cando menos hostil da patronal, que se nega a aplicar a subida salarial correspondente. A segunda, do Servizo de Limpeza dos Colexios Públicos, derivada dos constantes incumprimentos do convenio colectivo en canto a condicións de traballo así como ao tocante ás subidas salariais” matiza.

Marea de Vigo considera que o silencio permanente do Concello de Vigo ante esta conflitividade laboral “resulta moi negativo para o conxunto de traballadores e traballadoras destas empresas, que sumado é maior que o persoal da propia administración municipal” reitera o voceiro, explicando que ante isto, Marea de Vigo levará ao Pleno deste mes de xullo unha moción na que denunciará “esta situación de falla de negociación así como de chantaxe permanente por parte das patronais así como a deixación por parte do Goberno local ante este contexto de indefensión destes cadros de persoal”.

Marea de Vigo incide na necesidade de que o Goberno local se exprese ao respecto. “Algo terá que dicir o Goberno local como entidade contratante que é de onde saen os cartos que pagan a estas empresas” conclúe o voceiro local.