marea de vigo pedirá unha declaración institucional no pleno deste mes ante a situación insoportable da área sanitaria de vigo.

13 de Decembro de 2018

Marea de Vigo pedirá unha Declaración Institucional no pleno deste mes ante a situación insoportable da área sanitaria de Vigo.

O grupo municipal da Marea de Vigo pide consenso das forzas políticas de Vigo para esixir á dirección do SERGAS que deixe de destruír a sanidade viguesa e que tome nota da dimisión colectiva dos xefes dos centros de saúde de Vigo.

Vigo, 13-12-2018. Para o grupo municipal da Marea de Vigo, este clamor social, tanto de pacientes como de persoal sanitario debe ser expresado nunha declaración institucional en repulsa á insostible situación da Sanidade Pública na nosa cidade e no conxunto da Área Sanitaria de Vigo, “tanto polo tocante á insuficiencia de persoal sanitario, ás listas de agarda e mesmo ao número de pacientes a atender polo diminuído persoal sanitario, xa que está facendo que a calidade asistencial sanitaria penda dun fío” concreta Xosé Lois Jácome.

Marea de Vigo propón que sexa a fórmula de declaración institucional e non a presentación dunha moción partidaria a que exprese a condena da institución local dunha situación “coñecida polo conselleiro, advertida pola Xunta de persoal da Área Sanitaria e sen un mínimo síntoma de resposta por parte da dirección do SERGAS” engade Jácome.

Do mesmo xeito, o concelleiro da Marea de Vigo considera que “esta dimisión do 80% dos xefes de servizo é un punto de inflexión do que non se poden illarse os máximos responsables da Sanidade. Estamos nun momento nos que centros de saúde e hospitais están a punto do colapso e con evidentes incidencias na calidade asistencial: colapsos de urxencias, colapsos nas colas para solicitar citas, nas citas médicas, nas listas de agarda…. cunha carga de estrés para o persoal sanitario insoportable”.

Marea de Vigo tamén matiza o xa denunciado polo persoal nestes pasados días, sobre o futuro da calidade da Sanidade Pública de seguir este camiño de destrución da mesma, xa que a situación de envellecemento da pirámide de poboación na cidade vai agravar aínda máis nos próximos anos a situación, mesmo con necesidades crecentes de atender a pacientes nos domicilios por problemas de mobilidade.