marea de vigo pide a activación inmediata dun protocolo anti-desafiuzamentos no concello de vigo.

8 de Abril de 2019

Marea de Vigo pide a activación inmediata dun protocolo anti-desafiuzamentos no Concello de Vigo e insiste na necesidade dun Parque Municipal de Vivenda.

Rubén Pérez: “Vender patrimonio para dilapidalo no Auditorio Mar de Vigo en lugar de investilo nun necesario Parque de Vivenda non é o camiño que debería seguir un goberno que se di progresista e social”.

Vigo, 08-04-2019. O Grupo municipal da Marea de Vigo insiste na necesidade da creación dun Parque Municipal de Vivenda, así como na activación dos protocolos tanto para a prevención dos desafiuzamentos coma de atención das persoas afectadas polos mesmos ante esta incesante perda de vivenda por parte de ducias de familias na nosa cidade.

Como punto de partida, Marea de Vigo pon como exemplo o Protocolo de actuación implantado no Concello de Santiago de Compostela, no que o propio concello ofrece unha serie de medidas e axudas coma a mediación e o acompañamento, asesoramento legal necesario, trámite urxente das axudas sociais así como a protección destas persoas no caso de chegar a executarse o desafiuzamento. “Todas elas, medidas encamiñadas á loita contra o empobrecemento desde a administración local” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. “A marxe de toda competencia da Xunta con respecto á vivenda – explica o voceiro – os municipios poden e deben atender a súa cidadanía en todos os ámbitos nos que a súa actuación mellore a calidade de vida da veciñanza, non existen escusas para non facelo tamén no Concello de Vigo”.

Foi no pasado mes de maio do 2016 cando a Marea de Vigo presentou unha moción na que se pedía a creación do devandito Parque de Vivenda Municipal. Esta moción foi rexeitada nesa altura polos votos do PSOE, “en coherencia coa mesma liña política en materia de vivenda aplicada nestes anos por parte do Goberno de Abel Caballero, anos nos que foron executados centos de desafiuzamentos na nosa cidade” engade Rubén Pérez.

“En todo caso – prosigue o voceiro – e como medida urxente, cabe poñer xa en funcionamento un protocolo anti-desafiuzamentos ante os casos están xurdindo día tras día. Xa non soamente son desafiuzamentos derivados de hipotecas con bancos, senón que cada día aumentan os casos de impagos de alugueres entre particulares, cuestións nas que en moitos casos ferramentas como a mediación e o acompañamento poden resultar realmente eficaces. Insistimos en que non só é posible levalas a cabo, como fixo Compostela, senón que é un deber da administración máis próxima á veciñanza”.