marea de vigo pide a adhesión da cidade de vigo á rede de entidades locais para o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible da axenda 2030.

1 de Xuño de 2021

Marea de Vigo pide a adhesión da cidade de Vigo á rede de entidades locais para o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Oriana Méndez: “Non ten sentido que Vigo, que lidera a FEMP, non forme parte da rede de municipios adheridos á implementación local da Axenda 2030 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015”.

Marea de Vigo insiste na necesidade de levar a cabo politicas que pulen pola sostenibilidade e a defensa do medioambiente na cidade de Vigo, como xa ten expresado nas súas propostas con respecto á defensa do Lagares, o Plan de arboredo, a redución das emisións ou a implementación dun plan de mobilidade sostible, entre outras.

Vigo, 1-6-2021. O pasado 21 de setembro de 2019, no XII Pleno da FEMP, renovouse e reforzouse politicamente o compromiso de aterrar os ODS nas cidades e territorios de abaixo arriba, a través da Declaración específica en favor da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. “En novembro do mesmo ano, a Xunta de Goberno da FEMP aprobou a creación da Rede de Entidades Locais para desenvolver os ODS da Axenda 2030, da que forman parte gobernos locais que se comprometan a localizar e implementar os ODS da Axenda 2030 de forma transversal nas políticas públicas municipais. Non é entendible que Vigo aínda non esté adherida nesta altura, tendo ademais a presidencia da FEMP” sinala Oriana Méndez.

“É preciso fortalecer e lexitimar o papel estratéxico que xogan as entidades locais no desenvolvemento dos obxectivos de sostenibilidade no conxunto do estado promovendo o traballo en rede e a procura de alianzas que impulsen políticas de cohesión a nivel local así como cara á coordinación con outras institucións – explica a concelleira – . Sería amplamente positivo para Vigo formar parte desta rede, estando a súa actividade dirixida a favorecer a coordinación de actuacións entre os gobernos locais, permitindo acadar mellores resultados na implementación destes obxectivos nos municipios” engade.

En referencia á adhesión á Rede, segundo explica Oriana Méndez, “o Goberno local comprométese a determinar un conxunto de actuacións, que deberán incorporarse nun Plan de Actuación ou Estratexia Local, aprobado polo Pleno, que inclúa unha análise de situación e un plan de localización e implementación dos ODS da Axenda 2030”. Así mesmo, e na liña de participación cidadá que defende a Marea de Vigo, “deberase iniciar un proceso de información e sensibilización para a participación de todos os axentes locais, económicos e as organizacións cidadás representados na vida municipal, para a súa implicación” sinala Oriana Méndez. “No momento actual, debe ser unha prioridade o traballo dos gobernos locais para levar a cabo liñas de actuación concretas tras a crise provocada polo COVID-19 para dar unha resposta aliñada co desenvolvemento sostible” conclúe.