marea de vigo pide a ampliación do servizo de socorrismo e salvamento nos areais vigueses.

9 de Maio de 2022

Marea de Vigo pide a ampliación do servizo de socorrismo e salvamento nos areais vigueses ante a gran afluencia que están tendo as praias nestes días e as previsións climáticas.

Rubén Pérez: “Xa en abril do 2019 aprobouse por unanimidade unha moción da Marea de Vigo que incluía a ampliación do servizo conforme á ordenanza de praias e ante gran ocupación das mesmas, mais non houbo vontade nin de cumprir o acordo nin de adaptar un servizo á realidade, instamos ao Goberno local a que, de xeito inmediato, conforme os mecanismos precisos para garantir ese servizo á maior brevidade”.

Vigo, a 17-06-2021. Cada ano as praias da nosa cidade reciben a máis persoas, proba delo puidémolo ver neste pasado fin de semana, coas praias cheas ante as altas temperaturas. Para garantir a seguridade da xente “é preciso un servizo acorde á realidade” sinala Rubén Pérez, polo que “instamos ao Goberno local a que, de xeito inmediato, conforme os mecanismos precisos para garantir ese servizo á maior brevidade, xa sexa modificando o contrato existente dentro das marxes que permite a propia licitación ou ben reforzando o servizo con contratos mentres non se abra unha nova licitación que amplíe a actual” incide.
Na actualidade, o servizo só está garantido do 15 de xuño ao 15 de setembro, algo “a todas luces insuficiente – afirma Rubén Pérez -, incluso seguen existindo praias onde o servizo soamente funciona de catro a oito da tarde”.
Para Marea de Vigo, é inconcibible que o Goberno de Abel Caballero non estea, de xeito urxente, traballando para garantir un correcto e acaído servizo de socorrismo e salvamento nas praias viguesas. É necesario garantir a seguridade das e dos bañistas incluso fora do periodo estival, “e isto é o realmente importante cando utilizas, como fai o alcalde, as praias viguesas como reclamo turístico – matiza Pérez -. Abel Caballero usa a tan preciada bandeira azul, que a conceden se contas con servizo de socorrismo entre xuño e setembro, mais a realidade é que o servizo é necesario durante máis tempo, xa que, tal e como está demostrado, Vigo é das cidades do estado que conta con máis tempo de verán, máis altas temperaturas e máis horas de luz, xunto a Malaga, Huelva, Mallorca e Las Palmas”.