marea de vigo pide ao celta e ao concello que se remitan ao convenio asinado polas dúas entidades para resolver a situación do estadio.

3 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo pide ao celta e ao concello que se remitan ao convenio asinado polas dúas entidades para resolver a situación do Estadio.

Rubén Pérez: “O único interese xeral que debe prevalecer é o da afección e o do retorno da inversión pública en forma de canon. O resto son intereses particulares e electorais que non son prioritarios nin para a veciñanza, a cidade ou o deporte”.

Vigo, 3-1-2019. O grupo municipal da Marea de Vigo vén de recibir hoxe un informe técnico sobre o estado das gradas de Marcador e Gol, tras a solicitude feita o pasado 17 de decembro a raíz das declaracións do alcalde con respecto á seguridade das gradas. O informe recibido, segundo o grupo municipal “semella estar feito de xeito totalmente improvisado e como consecuencia das denuncias realizadas nos pasados días por parte de aficionados/as. Este informe – matiza Rubén Pérez – de feito non é o que solicitamos, este non é o informe ao que dun xeito vehemente facía referencia o alcalde cando afirmaba que as gradas estaban en perfecto estado, porque, para comezar, este informe non existía. O que si constan no mesmo son as referencias aos devanditos informes, usadas ademais para argumentar as conclusións, nas que veñen afirmar que a infraestrutura está apta para o servizo. Conclusións, para nós, a todas luces insuficientes”.

O grupo municipal da Marea de Vigo quere lembrar que o convenio asinado en 2015 polo presidente Carlos Mouriño e o alcalde de Vigo e mesmo o convenio que, asinado en 2009, ampliaba a concesión ata o ano 2034, teñen cláusulas significativas que dende o primeiro momento foron incumpridas tanto polo Club (achega económica ás obras) como polo propio Concello de Vigo, neste caso no tocante á presenza do Club na dirección técnica das obras. Dito convenio, segundo a Marea de Vigo, “debería ser referencia para a totalidade das obras que se realicen no Estadio Municipal”. O propio convenio, aínda que non menciona as gradas de Gol e Marcador, si que deixa claro que as dúas entidades teñen que colaborar no ‘Plan Director de remodelación de modernización do Estadio de Fútbol de Balaídos’. “De non ser posible que a interpretación dos acordos asinados polas dúas partes se concrete, ou ben deben xudicializarse os mesmos e as partes recoñecerse nas conclusións dos tribunais, ou ben se debe concretar un novo convenio tanto para as obras que restan como para o uso concesional do Estadio. Mediante misivas e avisos nos medios está claro que non hai solución posible” engade Rubén Pérez.

Marea de Vigo segue a considerar como primordial que a solución da concesión a 25-30 ou 50 anos permita ao Celta aportar recursos ao Concello e amortizar nun prazo moi vantaxoso os recursos públicos que se aportan dende Concello e Deputación para a reforma do actual Estadio. “O retorno ás arcas públicas da explotación do uso do Estadio, dos aparcadoiros e dos baixos comerciais, de acordarse esta fórmula, ten que ser innegociable, xa que falamos dunha infraestrutura pública en réxime de usufruto único por parte dunha Sociedade Anónima Deportiva. Do mesmo xeito, un novo convenio ou un modelo de concesión administrativa con cláusulas económicas diferentes ao actual, evitaría que a evidente necesaria reparación do Estadio Municipal de Balaídos sexa entendida por unha parte importante da poboación como un agravio económico nun tempo de crise na que os clubs privados de fútbol moven millóns de euros procedentes de múltiples ámbitos (publicidade, representación de deportistas, dereitos televisivos, etc…)” subliña Rubén Pérez.

De concretarse a fórmula da concesión administrativa, Marea de Vigo tamén afirma que os recursos que actualmente está derivando a Deputación de Pontevedra á reforma do Estadio de Balaídos deberían orientarse á urxente reparación das instalacións e pistas de atletismo de Balaídos, en estado actual de case abandono.