marea de vigo pide ao goberno local a procura de solucións para compatibilizar a presenza dos cans nas praias de foz e calzoa e a veciñanza da zona tras os conflitos xerados este verán.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo pide ao goberno local a procura de solucións para compatibilizar a presenza dos cans nas praias de Foz e Calzoa e a veciñanza da zona tras os conflitos xerados este verán.
O grupo municipal da Marea de Vigo considera que unha das medidas que se poden levar a cabo agora, rematando ademais a tempada estival, é dar acceso para aos cans en tódalas praias viguesas.
Marea de Vigo xa tiña alertado no pasado mes de xuño sobre o que podería chegar a suceder nos espazos habilitados para os cans, e afirmaba que o feito de limitar o acceso a dúas praias non era suficiente nin en materia de benestar animal nin nos aspectos relacionados coa convivencia e o coidado do entorno. “A día de hoxe, a conflitividade na zona creceu exponencialmente e cada día se fai máis necesario que o goberno tome medidas.”
Campañas divulgativas e informativas, tanto de concienciación como de educación cívica e protección animal, campañas de boas prácticas ou unha mellora no servizo de limpeza e control do estado da area e a auga, e incluso labores de mediación entre a veciñanza de Coruxo e as persoas que visitan a zona cos cans, son exemplos das accións que poden ser levadas a cabo pola Concellería de Medio Ambiente, xunto coa aplicación de sancións a aquelas persoas que non cumpren coa normativa en canto á limpeza e convivencia. Neste caso ademais, tería sido de gran axuda (e máis tendo en conta os dous anos de tramitación que levou o expediente que finalmente daba acceso aos cans nas praias de Coruxo), unha campaña especial de sensibilización tanto para a veciñanza da zona como para as persoas que acoden a visitar as praias cos seus cans.
Para a Marea de Vigo, este conflito so vén evidenciar a necesidade destas accións, que deberían terse aplicado xa fai anos nesta cidade e na súa totalidade, e con toda independencia do momento do ano.
Unha vez máis, o grupo municipal da Marea de Vigo insiste na necesidade de mellora integral na área de Medio Ambiente, con especial fincapé no relacionado co benestar animal e coa boa convivencia entre quen decide e quen non decide ter un animal ao seu cargo.