marea de vigo pide ao goberno local que negocie coa sareb a cesión de uso de varios pisos tras a súa subasta xudicial.

22 de Xaneiro de 2020

Marea de vigo pide ao Goberno local que negocie coa SAREB a cesión de uso de varios pisos tras a súa subasta xudicial.

Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo no Concello pide que “agora que os 140 pisos son propiedade da Sareb, Vigo, ao igual que outras cidades do estado, coma Burgos ou Zaragoza, convenie co ‘banco malo’ a cesión de uso de varias vivendas para empregalas como vivendas de emerxencia social ante o repunte brutal dos desafiuzamentos na cidade”.

Vigo 22-01-2020. Para a Marea de Vigo, “é inescusable a toma de medidas para paliar unha situación de cronificación dos desafiuzamentos na cidade, con máis de 600 casos ao ano e un aumento anual dun 40% nos casos”. Se ben é certo que as competencias en materia de vivenda son maioritariamente asumidas polas administracións autonómicas, o certo é que as competencias municipais en materia de cobertura social inclúen políticas de vivenda, polo que “non existe argumento sólido para non actuar dende a administración local” engade Pérez.

Tendo coñecemento por parte do Grupo Municipal da Marea de Vigo, que están xa nas mans da SAREB as 155 vivendas da rúa Aragón que quedaron embargadas polo xulgado a un promotor, “volvemos a reiterar que o Concello ten que dirixirse á entidade para negociar cando menos o dereito de uso de varios inmobles para paliar, por unha banda o erro de vender máis de 24 vivendas municipais en Rosalía de Castro cuxos recursos obtidos, en parte, adicaronse para a indemnización concursal do Auditorio Mar de Vigo; e por outra banda a solventar dende a acción local a inexistencia de parque de vivenda público de emerxencia na cidade, responsabilidade que non asumen nin Xunta de Galicia nin Concello de Vigo” explica Rubén Pérez.

Marea de Vigo sigue a defender, tal e como foi formulado mediante moción ao Pleno, que é necesaria a creación dun Parque Municipal de Vivenda, que, ademais de contar con vivendas de titularidade municipal, contaría con aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio, tal e como sería neste caso.