marea de vigo pide a aplicación de medidas efectivas pola redución de emisións e a conservación da biodiversidade.

16 de Setembro de 2020

Marea de Vigo pide a aplicación de medidas efectivas pola redución de emisións e a conservación da biodiversidade en Vigo.

Oriana Méndez: “Atendendo ao Pacto Verde Europeo, desde a Marea de Vigo propoñemos o desenvolvemento de dous programas que, de xeito complementario, van encamiñados cara a redución de emisións e á conservación da biodiversidade”.

Vigo, 16-09-2020. Na rolda de prensa ofrecida hoxe, co gallo da Semana Europea da Mobilidade 2020, o Grupo municipal da Marea de Vigo presentou as súas propostas cara a redución de emisións e a conservación da biodiversidade. “Aínda que esta cuestión apunta a un obxectivo estratéxico de conseguir un continente europeo libre de emisións para o 2050 – sinalou Oriana Méndez – , existen multitude de medidas concretas que desde o Concello de Vigo se poden implementar dende xa, e que implicarían unha importante redución das emisións”.

Entre as medidas a levar a cabo, as propostas da Marea de Vigo defenden unha mellora integral do transporte público. “Neste sentido – explicou Oriana Méndez – , a prórroga unilaterial por parte do Goberno local con VITRASA, do Grupo Avanza, non afonda na mellora de cuestións como frecuencias ou infraestruturas. Non contempla o transporte intermodal, coa posibilidade de levar as bicicletas nos autobuses, tal e como acontece en moitas cidades europeas, nin un plan de transporte na área metropolitana, algo que reduciría considerablemente o acceso en vehículo privado ao centro da cidade”. Do mesmo xeito, desde Marea de Vigo “insistimos en que tamén hai que avanzar cara ao abaratamento das tarifas e na gratuidade selectiva atendendo a criterios sociais, mantendo o obxectivo estratéxico do estudo da futura remunicipalización do servizo” apuntou a concelleira.

Na mesma liña, Oriana Méndez avogou pola creación de aparcadoiros disuasorios, e puxo en relieve as peonalizacións e a rede de carrís bici como “dous elementos fundamentais na senda da conservación da biodiversidade e da eliminación de emisións”. “As peonalizacións teñen que ser planificadas, rigorosas e duradeiras, cuestión que non se cumpre nas peonalizacións na nosa cidade. Apostamos polas peonalizacións completas, xa que só deste xeito crearíase unha zona de baixas emisións”. Con respecto aos carrís bici, resaltou a necesidade de que estes sexan “seguros, planificados e non feitos a base de improvisacións e de anuncios cosméticos, debendo seguir as normas da DGT e basearse nunha ordenanza de mobilidade sostible, ordenanza que hoxe en día segue no aire neste concello”.

En canto ás medidas para a conservación da biodiversidade, Oriana Méndez apelou ao aumento dos espazos verdes peonís, “fronte a política de talas indiscriminadas que se está levando a cabo en Vigo”. “Trátase dun ben común que incide na mellora da saúde pública” engadiu a concelleira.

Do mesmo xeito, Oriana Mendez enfatizou a necesidade de recuperar o litoral vigués, comezando pola rexeneración do areal de Samil e a ampliación do Espazo Natural de Interese Local dende o Vao ata a xunqueira do Lagares, incluíndo as praias de Fontaíña, A Calzoa e Foz.

Por último, a concelleira interpelou ao Goberno local ao cumprimento da Declaración de Emerxencia Climática aprobada polo Pleno do Concello, trasladada ao Pleno a través da Marea de Vigo desde os colectivos ecoloxistas da cidade.