marea de vigo pide auditoria e transparencia sobre a obra pública anunciada así como sobre os motivos das paralizacións e retrasos nas obras xa licitadas.

23 de Maio de 2022

Marea de Vigo pide auditoria e transparencia sobre a obra pública anunciada así como sobre os motivos das paralizacións e retrasos nas obras xa licitadas.

O grupo volve a denunciar o anuncio reiterado de obras que non se levan á mesa de contratación no mesmo exercicio orzamentario que se anuncian xunto á falla de información e consulta á veciñanza, “tal e como ten acontecido co proxecto do parque García Picher” afirma Rubén Pérez.

Rubén Pérez: “O Concello de Vigo non pode poñer ningún tipo de escusa cando a execución orzamentaria deste ano é aínda do 10%”.

Vigo, 23-05-2022. O voceiro do Grupo municipal, Rubén Pérez, denuncia que “novamente no día de hoxe volvemos atopar anuncios na prensa sobre unha nova andaina de licitacións públicas” mais, a preocupante realidade, segundo a Marea de Vigo, é que “estamos ante un proceso de paralización de proxectos xa licitados en canto á súa execución, e incluso hai multitude de obras literalmente paradas, tal e como denuncia constantemente a veciñanza” incide Pérez.

Mais estas paralizacións, segundo se desenvolven os feitos, “non semellan ser óbice para deixar de facer anuncios na prensa sobre novas obras sen que tan sequera haxa capacidade da mesa de contratación para levar a cabo as correspondentes licitacións en tempo e forma, e a día de hoxe estanse licitando aínda obras anunciadas hai un ano” matiza Rubén Pérez. Marea de Vigo cualifica este feito coma un “fraude permanente”, xa que “se fan anuncios a bombo e prato na prensa sen dar información algunha sobre os os grados de execución dos mesmos, para quedar moitas destas obras no limbo das licitacións” engade o voceiro.

Para Marea de Vigo, “é especialmente preocupante que este tipo de anuncios non sexan consultados coa veciñanza das zonas afectadas, enterándose esta a través da infografía na prensa – sinala o voceiro -. É moi grave que estas persoas non poidan ter a capacidade de opinar sobre proxectos que van a cambiar a fisionomía dos seus barrios”. Ante isto, o Grupo municipal da Marea de Vigo solicitará novamente a inmediata apertura de procesos de consulta coa veciñanza.

Marea de Vigo pide formalmente unha auditoria pública así como un informe rigoroso do estado de execución e das previsións que se teñen de finalización destas obras. “É preciso, e así se fai en moitas cidades, ter información pública e en tempo real sobre o estado das obras. A cidadanía debe ter máis referencias que unha infografía nun periódico moito tempo antes da súa licitación e execución, incluso aparecendo e desaparecendo dos proxectos orzamentarios segundo os intereses do Goberno local nese momento” detalla o portavoz.

“Ao final – conclúe Rubén Pérez -, o que temos son multitude de paralizacións en proxectos que non se xustifican nin coa escusa da covid, nin coa da crise de materiais, e estamos a falar de obras que cortan o tráfico e limitan o acceso peonil, impactando gravemente no comercio local. Moitos negocios vense na obriga de pechar xa que obras que foron anunciadas cunha duración determinada, prolónganse incluso dúas ou tres veces máis dese tempo anunciado”.