marea de vigo pide coñecer os proxectos presentados por parte do concello de vigo para os fondos “next generation” en materia de de mobilidade sostible así como concreción sobre os mesmos.

3 de Marzo de 2021

Marea de Vigo pide coñecer os proxectos presentados por parte do Concello de Vigo para os fondos “Next Generation” en materia de de mobilidade sostible así como concreción sobre os mesmos.

Oriana Méndez: “Preguntámonos cales son os proxectos cos que o Goberno local está traballando de cara a dar cumprimento á Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, así como aos propios requirimentos do Ministerio de Transportes nesta convocatoria”
Vigo, 03-03-2021. Ante a convocatoria por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que os Concellos remitan os seus proxectos no ámbito da Mobilididade sostible, segura e conectada en entornos urbanos e metropolitanos para a articulación das convocatorias de subvencións cos fondos chamados Next Generation, “dende a Marea de Vigo preguntámonos cales son os proxectos, ideas, e propostas que vai presentar o Concello de Vigo a esta convocatoria, que ten como data límite o 12 de marzo” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
“Preguntámonos, polo tanto – prosigue a concelleira -, cales son os proxectos cos que o Goberno local está traballando de cara a dar cumprimento á Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, así como aos propios requirimentos do Ministerio de Transportes nesta convocatoria”. Marea de Vigo quere saber “cales son os proxectos do Goberno local de cara a acelerar a implantación de zonas de baixas emisións no noso municipio, especialmente cando coñecemos por declaracións ao alcalde na prensa que, hoxe por hoxe, non está decidido onde vai saír o túnel da Porta do Sol, se en Elduayen ou en Torrecedeira” matiza Oriana Méndez.

Por outra banda, dende Marea de Vigo se incide no tocante á transformación do transporte cara a unha actividade de cero emisións, e, do mesmo xeito, dende o Grupo cuestionan os proxectos do Goberno de Vigo para reducir a utilización do vehículo privado favorecendo a mobilidade activa, “cando as máis recentes anunciadas peonalizacións de rúas centrais non foron finalmente peonalizacións reais” engade a concelleira.

Marea de Vigo presentou no mes de setembro a necesidade de desenvolver un Plan para a redución das emisións contaminantes en Vigo e outro Plan para a conservación da biodiversidade de Vigo, que, segundo lembra Oriana Méndez, “non foron escoitados”. Pero, en todo caso, “existe un chamamento público, por parte de colectivos ecoloxistas, por parte de personalidades públicas, por parte de cidadanía anónima que se manifesta como pode nestes tempos, para a protección da biodiversidade de Vigo e a necesaria redución de emisións contaminantes, nomeadamente en entornos moi céntricos como a contorna da Porta do Sol-Paseo de Alfonso ou o Monte do Castro” apunta.

Igualmente, desde o Grupo municipal tamén se preguntan cales son os proxectos do Goberno de Vigo para impulsar a dixitalización da actividade dos servizos públicos de transporte de competencia municipal.