marea de vigo pide a convocatoria urxente do consello escolar municipal de vigo

9 de Xaneiro de 2018

Marea de Vigo pide a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal de Vigo onde os axentes sociais, docentes e usuarias/os poidan valorar colectivamente o borrador de Zonificación Escolar da área educativa de Vigo.

En xuño do pasado ano, data do último Consello Escolar Municipal, xa quedaba de manifesto o desacougo do propio consello perante as incertezas sobre o futuro borrador de Zonificación Escolar da Área Educativa de Vigo proposto pola Xunta.

Marga L. Barreiro: “Para a elaboración da proposta, recentemente remitida por parte da Xunta, non se contou cos sectores implicados neste proceso para debater dun xeito sosegado un proxecto que hai 20 anos que non se renova. Tanto os axentes sociais, docentes e representantes das familias deberían ter o documento con máis antelación, polo que debería adiarse a publicación definitiva en busca dun maior consenso que, a día de hoxe, non existe”

Marea de Vigo insiste na carencia de información sobre o propio proceso, sobre o cal a propia administración autonómica tiña un compromiso adquirido. É o caso de FOANPAS, con quen a administración se comprometeu a a informar do proxecto en canto comezase a súa elaboración, tal e como xa denunciou a propia federación no pasado Pleno do Consello Escolar.

“É obvio que a Xunta non está obrigada a contar coa participación dos axentes á hora de elaborar o borrador de zonificación, e o Consello Escolar Municipal non é un órgano vinculante en canto a este proxecto, mais, en defensa da máxima participación e democratización, débense usar todas aquelas ferramentas que se teñan a disposición, como é o propio Consello, dende o cal, contando coa institución municipal, é esencial a valoración pormenorizada da proposta da Xunta, facendo unha fronte común en defensa da educación pública e achegando propostas reais e axustadas á realidade para proxecto de zonificación” valora Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que urxe a convocatoria do Pleno do Consello Escolar, convocado por última vez en xuño do ano pasado, cando, anteriormente, as convocatorias estábanse a facer cunha periodicidade de 3 meses aproximadamente.