marea de vigo pide a creación dun consello municipal da cultura

30 de Xaneiro de 2018

Marea de Vigo pide  a creación dun Consello Municipal da Cultura onde o tecido cultural, asociativo e veciñal teña voz e sexa partícipe das decisións que se tomen no Concello en materia de cultura.

Xosé Lois Jácome: “O acontecido co teatro Ensalle co festival ALT, as taxas da escola municipal de danza e a e-trad, o que está acontecendo co museo M.A.R.C.O. ou mesmo a recente polémica sobre a situación do Monumento ao Traballo son só síntomas da necesidade de organización e programación no eido da cultura na cidade de Vigo. xa é hora de poñerlle fin á loitas absurdas como a do Padroado do Marco ou a da estatua dos redeiros, non se pode facer política cultural  a golpe de improvisación”  

 

Esta mañá o Grupo Municipal da Marea de Vigo ofreceu unha rolda de prensa onde expuxo a necesidade da creación dun Consello Municipal da Cultura, ao igual que existen noutras áreas no Concello de Vigo. Para a Marea de Vigo, “a recente polémica arredor da escultura dos redeiros responde a unha necesidade de coordinación entre persoas do mundo da cultura, persoal técnico municipal, veciñanza organizada así como a propia corporación municipal. O que non pode ser é que un alcalde decida o futuro dun museo como o M.A.R.C.O. ou onde se sitúa unha escultura na nosa cidade, senón que se pode consensuar sen problema” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

 

Para a Marea de Vigo, o Consello Municipal de Cultura debe ser constituído tal e como figura no propio Regulamento de Participación cidadá cunhas funcións moi claras, onde algunhas delas estarían vinculadas ao equipamento cultural da cidade e as súas localizacións.”Vigo posúe un sector cultural moi representativo e de recoñecido prestixio internacional, polo que obvialo e non ter en conta a súa opinión, deixando decidir simplemente á clase política decidir como ten que materializarse a cultura na nosa  cidade.” engade Rubén Pérez.