marea de vigo pide a creación dunha oficina de información sobre vivenda e alugueiros dende o concello de vigo.

29 de Marzo de 2022

Marea de Vigo pide a creación dunha oficina de información sobre vivenda e alugueiros dende o Concello de Vigo.

Rubén Pérez: “É imprescindible simplificar as consultas de veciños e veciñas de Vigo sobre alugueiros, garantindo que a xente coñeza que os prezos dos mesmos non poden subir máis do 2% (de non ser consensuado entre propietario/a e inquilino/a), tal e como vén de aprobar o Goberno do estado o pasado martes”.

Igualmente, Marea de Vigo considera necesario un punto de información municipal sobre vivenda asequible ante a actual saturación dos servizos sociais, “unha oficina específica como xa funciona en varias cidades do estado facilitaría estos trámites” engade o voceiro.

Vigo, 29-03-2022. O grupo municipal da Marea de Vigo considera que o feito de que o acordo do Consello de Ministros e Ministras limite nun 2% a subida dos alugueiros “é un factor positivo” pero o certo e que se inclúe a posibilidade de que esa suba sexa maior se a persoa arrendadora e arrendada así o acordan, “sendo múltiples as presións que os donos das vivendas fan aos arrendadores baixo a ameaza de non renovar contratos” polo que, segundo a Marea de Vigo, “a oficina ten que ser unha garantía de que non se produzan abusos na nosa cidade e as persoas teñan asesoramento directo dunha administración que, se ben non obstenta as competencias en materia de vivenda de xeito directo, si as ten para a xestión dos servizos sociais e a orientación dos veciños e veciñas para obter unha vivenda digna, asequible e con prezos estables” matiza Rubén Pérez.

Ante a volta dos desafiuzamentos e lanzamentos tras meses de parálise xudicial pola situación COVID, “a día de hoxe saber que axudas pode ter unha familia nesta situación ou mesmo atopar unha vivenda asequible é un escenario absolutamente dificultoso – afirma Pérez -, polo que o asesoramento dende os servizos sociais do Concello é absolutamente central”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo afirma que os aspectos da futura Lei de Vivenda “serán un reto pero tamén unha oportunidade para a cidade, se finalmente o Partido Popular non boicotea a súa implementación, xa que se introduce a oportunidade de establecer prezos máximos en alugueiros pero tamén habilita que a metade do 30% da vivenda con algún tipo de protección oficial que marca o novo PXOM teña necesariamente que ser propiedade do Concello – apunta o voceiro -. Esta oficina tamén xestionaria o importante parque público municipal de vivenda que pode ser artellado ante a tamén evidente saturación da Xerencia de Urbanismo”.

A situación do acceso á vivenda na nosa cidade “é xa un dos problemas que máis preocupa á cidadanía que sistemáticamente acude á administración máis accesible e cercana que son sempre os concellos, para resolver dúbidas e consultar recursos existentes para compensar o excesivo coste dos alugueiros nun contexto marcado por un forte incremento de prezos” sinala o voceiro.

Marea de Vigo afirma que a cidade, coa nova lei de vivenda, tería que ser considerada de xeito inmediato ‘zona tensionada’ pola evidencia de que a renta do alugueiro “supera con creces o 30% dos ingresos medios dos fogares vigueses” e, segundo Rubén Pérez, “nos últimos cinco anos ten subido o prezo dos mesmos cinco puntos por enriba do IPC”.

De substanciarse a Lei de Vivenda que obriga a que a metade do 30% de vivendas con algún tipo de protección sexa destinado a un parque público de alugueiro social, de cumprirse o expresado polo Goberno local de promocionar case 4.000 vivendas en réxime de VPO que o Concello proxecta en ámbitos coma o do Ofimático ou Santa Cristina, “Vigo ten que dotarse dun instrumento, que perfectamente podería ser esta oficina, para a xestión de esa parte de vivenda que por lei non sairía ao mercado de venta e sería titularizada polo Concello para configurar un parque público de vivenda en alugueiro” conclúe o voceiro.