marea de vigo pide explicacións ao goberno local pola falta de criterio á hora de levar a cabo o programa de arranxo dos viais, deixando atrás infraestruturas moi danadas.

25 de Maio de 2021

Marea de Vigo pide explicacións ao Goberno local pola falta de criterio á hora de levar a cabo o programa de arranxo dos viais, deixando atrás infraestruturas moi danadas.

Rubén Pérez: “Consideramos que esta situación ten que emendarse e cando menos escoitar á veciñanza que leva reclamando a mellora dos seus barrios en cuestións tan elementais coma os viais, en moitos casos dende hai máis dunha lexislatura”.

Vigo, 25-05-2021. Toda vez que xa é coñecido o expediente de mellora dos firmes dos viais da cidade, Marea de Vigo quere denunciar que no mesmo, segundo explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo, “non están a maior parte das infraestruturas que están en peores condicións da cidade”. “O que se fai con este novo contrato – prosigue -, no se que se divide a cidade en varios lotes e se achega ao millón de euros, é simplemente recuperar proxectos que xa estaban aprobados en Xuntas de Goberno ou que xa formaron parte de supostas humanizacións no rural”.

Marea de Vigo cualifica como unha “sorpresa” que determinadas zonas de barrios como Freixeiro, Beade, Valadares, ou Cabral non sexan incluídas nas propostas de mellora “cando é coñecido, tralas sucesivas denuncias dos veciños e veciñas, o mal estado dos viais” engade Rubén Pérez.

Un exemplo disto, segundo traslada Marea de Vigo, son os accesos á parroquia de Beade, “especialmente desgastados pola proximidade do Hospital Álvaro Cunqueiro e o impacto que isto ten no tráfico da zona”. A situación dalgunha das rúas na parroqua “é absolutamente lamentable, incluso con fochancas que están a producir averías nos vehículos, polo que resulta cando menos estrano non atopar estes camiños na proposta de intervención rápida por parte do Concello” suliña o voceiro.

Marea de Vigo reitera que o Goberno de Abel Caballero tería que ter consultado á veciñanza, ou ter tido en conta as solicitudes e chamadas que chegan a través do 010, como xeito de coñecer certas demandas veciñais, “mais nada se fixo a este respecto e incluso atopamos viais nese listado onde a rodadura esta sorprendentemente e relativamente en boas condicións en comparación con viais contiguos, polo que non sabemos cal é o criterio para seleccionar estes viais como actuacións urxentes” apunta Pérez.

Marea de Vigo seguirá demandando que en cuestións de obra pública e decisións que teñen que ver coa mellora dos barrios se conte coa veciñanza. “Non pasa nada por facer algún tipo de política participativa; parece que neste Concello, onde o cesarismo funciona como instrumento vinculación política permanente non se quere escoitar a veciños e veciñas que levan meses chamando ás portas do Concello para que melloren as súas ruas” conclúe o voceiro municipal.