marea de vigo pide identificar os lugares significativos da memoria democrática en vigo.

1 de Abril de 2019

Marea de Vigo pide identificar os lugares significativos da Memoria Democrática en Vigo neste 80 Aniversario do fin da Guerra Civil.

O grupo municipal da Marea de Vigo considera “nula” a aposta do Goberno de Abel Caballero en vindicar o Vigo democrático que se enfrontou ao fascismo. “Salvo o acto anual no cemiterio civil de Pereiró, no que se vindica a unha pequena parte das persoas represaliadas, á máis institucional, non existe nin identificación de lugares da memoria nin soporte municipal algún adicado da memoria antifascista e republicana en Vigo” matiza Rubén Pérez.

Vigo, 1-04-2019. O voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, pide revisar e anular todas as distincións e títulos honoríficos dados polo Concello de Vigo durante a guerra e a ditadura franquista.

Marea de Vigo segue a considerar que tralo bochornoso capítulo de defensa do alcalde á cruz fascista do Castro, mesmo adicando recursos públicos para litigar e acadar o seu mantemento, a sensibilidade de Abel Caballero a prol da cultura de reparación democrática e memoria histórica na cidade é inexistente, nin achegándose á presuntamente defendida polo seu propio partido.

A maioría dos vigueses e viguesas, especialmente a mocidade, descoñecen aínda que na Rúa María Berdiales existiu un frontón empregado nos primeiros días da sublevación fascista como campo de concentración, que a fortaleza do Castro foi empregada como cárcere e escenario de fusilamentos, ou os sucesos da resistencia dos veciños e veciñas de Lavadores ao levantamento mesmo con construción de barricadas. Marea de Vigo defende “un compromiso leal e decidido por facer da memoria democrática un aspecto esencial da proposta política e propón identificar estes escenarios cunha placa explicativa e memorialística que incluso permita realizar un roteiro da memoria histórica pola cidade de Vigo”.

Esta iniciativa, que se está a levar adiante en moitos concellos do Estado, recentemente en Barcelona, debe servir para poñer luz a unha parte da historia da cidade, a vindicar unha herdanza de compromiso democrático de moitos veciños e veciñas que, vítimas da represión fascista, aínda son grandes descoñecidos e descoñecidas para a maioría da veciñanza viguesa.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo considera que o Concello de Vigo ten que crear xa unha comisión de traballo para avaliar a revisión de distincións e nomeamentos concedidos pola Corporación Municipal durante a ditadura. “Esta comisión ten que ser un mecanismo que axude a invalidar todas as distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e demais formas de exaltación de personaxes ligados ao réxime franquista” conclúe Rubén Pérez.