marea de vigo pide a inhabilitación definitiva do proxecto de porto cabral.

9 de Decembro de 2019

Marea de Vigo pide que o Concello inhabilite o proxecto de Porto Cabral no PXOM en redacción, onde a decisión de incluílo é política e non técnica.

Rubén Pérez: “É obvia a imposibilidade do encaixe de Porto Cabral na Ordenación Provisional mais o verdadeiro problema o imos ter no borrador do PXOM actualmente en redacción, xa que ten unha orientación evidente a rescatar todo o ‘rescatable’ do planeamento anterior anulado por sentenza xudicial”.

Marea de Vigo descoñece a día de hoxe a documentación do novo PXOM a pesar de ser reiteradamente demandada polos grupos municipais da oposición, tendo como único o documento de metodoloxía xeral e diagnóstico socioeconómico presentados en decembro de 2018, no que xa se deixaba claro que non se quería emendar a lectura socioeconómica expansionista da cidade na que se baseaba o PXOM anulado.

Vigo, 09-12-2019. Marea de Vigo valorou hoxe como a “única posibilidade legal” o anuncio do concello de non permitir para Porto Cabral a mesma saída que se lle deu aos ámbitos urbanísticos onde van a ubicarse centros comerciais como Recaré no entorno da Avenida de Madrid e Cruceiro en Alcabre, empregando a inclusión dos mesmos no Instrumento de Ordenación Provisional.

Mais, para o Grupo municipal, o problema real é non ter un PXOM que estableza criterios reais socioeconómicos, ambientais, de recursos hídricos e mesmo de mobilidade afectada, feito que debería invalidar calquera tentativa de legalización de superficies comerciais, xa que legalizalas como “illas urbanísticas” pensando que non teñen afección no resto da cidade “é un delirio e unha irresponsabilidade política manifesta”.

“Vigo ten que artellar un urbanismo serio e fundamentado, que non se basee en anuncios delirantes e sen estudo real de miles de postos de traballo que prometen as grandes superficies comerciais e que logo, como vimos en ducias de casos, non se substancian en nada” matizou Rubén Pérez. “Por este motivo – proseguiu – Marea de Vigo presentou a semana pasada emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2020 pedindo un estudo do impacto das grandes superficies en Vigo e unha moratoria posterior no outorgamento de licenzas deste tipo por saturación de áreas comerciais”.

Marea de Vigo volverá mañá martes a demandar no Consello da Xerencia de Urbanismo que se lle pase xa a documentación do novo PXOM aos grupos da oposición.