marea de vigo pide investimento en materia de turismo.

22 de Abril de 2019

Marea de Vigo pide investimento en materia de turismo ante a inexecución orzamentaria neste ámbito, evidenciada na falta de programación turística nesta Semana Santa.

Rubén Pérez: “A execución das partidas orzamentarias relacionadas coa promoción turística nesta cidade son nulas, na mesma liña que o resto da execución orzamentaria no que levamos de ano”.

Vigo, 22-04-2019. Na rolda de prensa de hoxe, Rubén Pérez puxo o foco sobre varias cuestións relacionadas coas políticas de turismo levadas a cabo polo Goberno de Abel Caballero, destacando o relativo á execución orzamentaria deste 2019. “A execución das partidas orzamentarias relacionadas coa promoción turística nesta cidade son nulas, na mesma liña que o resto da execución orzamentaria no que levamos de ano máis aló de deitar un millón e medio de euros a dous convenios para que apareza o nome de Vigo nalgunha compañía aérea” incidiu o voceiro. “Cero euros executados dos 50.000 para a promoción da cidade, cero euros no estudo de ámbito turístico, onde se determinaría que tipo de turismo queremos ofrecer na nosa cidade”.

Con respecto á Semana Santa, desde o Grupo municipal da Marea de Vigo se amosou que non houbo ningunha actividade na axenda turística do Concello de Vigo, estando ese espazo totalmente baleiro na páxina web de turismo. “Temos que ter alternativas de ocio turístico alén das praias. Calquera persoa que visitase a cidade nos pasados días, non tivo ningún tipo de proposta de actividade. No tocante aos museos, salvo o Museo do Mar, que non depende do Concello, o resto dos museos que se atopan no municipio non fixeron ningún tipo de programación especial para estes días. Isto non pode pasar nunha cidade que se di que quere ser vangarda” matizou Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera que existe orzamento suficiente na cidade para facer políticas activas de turismo, xa que se están deixando de investir case tres millóns de euros que poderían ser adicados a actividades, ferramentas ou campañas que incluso axudarían a xerar emprego e a mellorar a economía do comercio e hostalería local. “Tal e como fan moitas grandes cidades, Vigo debe ter unha programación turística clarificada, onde non só nos limitemos a esperar que non chova, como semella facer o Goberno local de Abel Caballero”.

“A promoción turística da cidade de Vigo estase limitando a que unha persoa mire nun repousacabezas dun avión ou nun cartel no metro de Madrid o logotipo da cidade. Precisamos políticas activas de turismo, os miles de euros ás compañías aéreas non teñen amosado ata agora retorno económico algún para a nosa cidade” concluíu Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.