marea de vigo pide investimentos reais e non parches electoralistas nas parroquias de vigo.

15 de Outubro de 2018

Marea de Vigo pide investimentos reais e non parches electoralistas nas parroquias de Vigo, cualificando como falso o anuncio feito polo alcalde do PSOE en canto á execución dunha vintena de humanizacións.

Marea de Vigo súmase as demandas de ACOPE (Asociación de comerciantes de Pereiró) e pide aclarar todo o referente ás cesións sobre os terreos para poder facer os arranxos necesarios e dotacións de infraestruturas precisas nas beirarrúas do barrio de Pereiró.

Vigo, 15-10-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo veu de reunirse no día de hoxe coa asociación de comerciantes do barrio de Pereiró (ACOPE), asociación que leva máis de dous anos denunciando a situación na que se atopan as súas beirarrúas e solicitando, tanto na Xunta coma no Concello de Vigo, a realización das xestións necesarias para clarificar as competencias de cada administración sobre os terreos que ocupa o treito inicial da PO-330 (Avenida de Castrelos) para poder executar as obras de humanización que precisa o barrio. Marea de Vigo apoia todas as súas demandas e pide que se executen xa as cesións correspondentes nesta zona. “Non é admisible que a veciñanza do barrio, que paga os mesmos impostos que o resto de vigueses e viguesas, teña que vivir con beirarrúas por onde nin pode pasar un carro de bebé ou mesmo carecen de luz pola noite por falta de espazo para poñer unha farola” subliña Rubén Pérez. “Este tipo de actuacións son as que o Goberno local ten que levar a cabo como humanizacións (cumprindo así co falado coa veciñanza, neste caso con ACOPE), e non os proxectos de mellora no pavimento que vén de anunciar o alcalde, proxectos que non son humanizacións, senón simplemente o botar piche e desbrozar valados típico de cando chegan os procesos electorais”.

Marea de Vigo lembra que máis do 36% dos veciños e veciñas de Vigo non viven no núcleo urbano da cidade e que apenas o 17% das inversións en obra pública consignadas neste orzamento 2018 acaba destinado aos seus barrios. “Ademais, na maioría dos casos, os proxectos non conteñen a mellora da rede de saneamento e subministro de auga coa que en moitas ocasións o goberno e a concesionaria as xustifican. Nuns barrios onde ademais a rotura das tubaxes está a orde do día” engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.

Marea de Vigo tamén quere recalcar que dos máis de 10 millóns de euros que comportan os fondos EDUSI neste exercicio orzamentario de 2018, apenas unha parte son actuacións directas fóra do núcleo urbano, non existindo unha avaliación rigorosa por parte do Concello de Vigo de cales son as urxencias en materia de mobilidade sostible, accesibilidade nos barrios, así como outras fórmulas de inversión sostible que conteñen estes fondos europeos.