marea de vigo pide máis compromiso real e efectivo das administracións para poñer freo ás violencias machistas e seguir camiñando cara a defensa dos dereitos das mulleres.

7 de Marzo de 2022

Marea de Vigo pide máis compromiso real e efectivo das administracións para poñer freo ás violencias machistas e seguir camiñando cara a defensa dos dereitos das mulleres.

Co gallo do 8 de marzo, Marea de Vigo pon de manifesto unha vez máis a necesidade de implementar dende a institución local todas as medidas posibles para poñer freo ás violencias machistas así como aquelas que pulan por un compromiso real coa defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres.

Vigo, 07-03-2022. Nos últimos dous anos, e de xeito agravado pola pandemia sanitaria, creceron exponencialmente os casos de violencia machista así como as denuncias por agresións sexuais na nosa cidade. “É preciso desenvolver ferramentas que teñan como obxectivo prever e sensibilizar contra as violencias machistas, mellorar a seguridade para as mulleres nas contornas festivas, e informar ao conxunto da cidadanía sobre os recursos dispoñibles de orientación, atención e denuncia de agresións, así como medidas concretas para e sensibilizar sobre a importancia da resposta cidadá” afirma Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Marea de Vigo valora positivamente a implantación de “puntos violeta” nos lugares de celebración con gran afluencia, a cargo dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, tal e como ademais reclamou na súa mocion ao Pleno do mes de xuño, mais insiste en que é preciso aumentar as medidas así coma os recursos económicos “contra todas as formas de violencia machista ante o evidente aumento que estamos padecendo nos últimos meses” sinala a concelleira. “Isto ten que pasar – prosigue -, por executar todas as partidas orzamentarias propias así coma o financiamento doutras administracións para tal fin. As accións desde os concellos como as administracións máis cercanas á veciñanza, deben ser reais e efectivas”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo esixe á Xunta que se dote a Vigo de Xulgado de Garda de 24h. “É un feito inexplicable que non se teña actualmente xa que supón un perigoso escenario para o desalento das mulleres á hora de denunciar violencia machista” incide a concelleira.

Marea de Vigo anima á cidadanía a participar na mobilización do 8 de marzo convocada pola plataforma feminista 8M co lema deste ano “Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa!”.