marea de vigo pide medidas específicas para o tecido cultural da cidade.

4 de Abril de 2020

Marea de Vigo pide medidas específicas para o tecido cultural da cidade para facer fronte á crise do coronavirus e as súas consecuencias.

Oriana Méndez: “O sector cultural pode achegar ferramentas moi valiosas para superar xuntas este período de crise. Dende a solidariedade e a humildade, sabendo que non é momento para actuacións grandilocuentes e que toca priorizar as orientacións das autoridades sanitarias, a creatividade que latexa en Vigo non se pode ver apagada”.

Vigo, 04-04-2020. No día de hoxe, o Grupo municipal da Marea de Vigo deu traslado dun documento ao Goberno local no que se recollen varias propostas en materia cultural. As propostas van centradas en eixos, o organizativo en canto á programación e re-programación de eventos de xeito participado polo tecido cultural, e o económico, xa que as consecuencias desta crise teñen unha grave incidencia tamén na cultura e especialmente no tecido cultural local, composto de moitas pequenas empresas que se veron abocadas á paralización total da súa actividade.

Marea de Vigo pretende, con estas propostas, a creación de sinerxias entre varios sectores que precisarán dun forte impulso cando se volva á normalidade, é por isto que inclúense propostas como “impulsar o encontro entre hostaleria, pequeno comercio e cultura, programando actividades de pequeno formato que xa teñen un longo alento na cidade” neste sendido, se propón dotar de contido económico, cunha partida extraordinaria e mediante concurso público, aquelas propostas que fomenten a contratación de artistas afincandas en Vigo.

A través dos orzamentos municipais, Marea de Vigo propón unha inxección económica directa de 300.000 euros para o segundo semestre de 2020 e de ata 600.000 euros para o exercicio 2021, pedindo especialmente que as partidas que por mor da crise do coronavirus non poidan desenvolverse neste 2020 non acaben sendo partidas non executadas e que vaian directamente ao superavit senón que mediante modificacións orzamentarias sexan dirixidas ao tecido cultural da cidade. De igual forma tamén se pide comprometer cara o 2021 unha duplicación do orzamento en acción cultural.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo propón habilitar un Consello Municipal da Cultura participado e cun regulamento que fomente o diálogo institucional co tecido cultural da cidade. “Non se trata de consignas baleiras nin tampouco novidosas: sempre foi tempo de colaborar, dende o Concello, coa rede de cultura local independente e creativa que habita, como pode, a nosa cidade. Mais agora ese debe ser un imperativo para o Concello de Vigo” matiza Oriana Méndez.

“Non podemos permitirnos que, como aconteceu noutros ciclos de crise, sexa o grande esquecido por esta emerxencia sanitaria e pola consecuente emerxencia económica na que xa nos atopamos” conclue a concelleira.