marea de vigo pide medidas ligadas a un compromiso real en materia de loita contra as violencias machistas así coma o cumprimento dos acordos plenarios.

20 de Novembro de 2020

Marea de Vigo pide medidas ligadas a un compromiso real en materia de loita contra as violencias machistas así coma o cumprimento dos acordos plenarios.

Oriana Méndez: “O Concello de Vigo ten que ser exemplar e debe amosar que detrás da pancarta pendurada na fachada da casa consistorial hai tamén recursos dispostos para organizar unha auténtica loita municipal contra as violencias machistas.

Vigo, a 20-11-2020. Atendendo aos datos ofrecidos por ONU Mulleres, así como tamén polo Ministerio de Igualdade, “o confinamento, e as medidas de restrición da mobilidade favoreceron situacións de risco nas que se atopan miles de mulleres que viven co seu agresor” afirma Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. “A Covid19 deseñou unha ‘situación perfecta’ para exercer un comportamento controlador e violento no fogar” engade.

“A realidade na nosa cidade non é menos preocupante, e diante disto, os recursos que destina o Concello de Vigo na loita contra a violencia de xénero desde a administración local, sendo esta a administración máis próxima ás mulleres, segue sendo ridícula” matiza Oriana Méndez. Un ano máis, Marea de Vigo denuncia acaseza de recursos adicados á loita contra as violencias machistas no concello de Vigo, “este orzamento exíguo non é un produto deste ano, senón que é algo que vimos sinalando dende que a Marea de Vigo entrou no Concello” engade a concelleira.

Marea de Vigo propón unha serie de medidas, segundo Oriana Méndez “necesarias e ligadas a un compromiso real, que non deben quedar en meras medidas estéticas ou en todo caso, insuficientes. Cómpren recursos económicos, análise e planificación”.

“Propoñemos aumentar as partidas orzamentarias destinadas á loita contra a violencia de xénero, a creación dun Observatorio Municipal Contra a Violencia de Xénero co obxectivo de analizar como se manifesta e como evoluciona a violencia de xénero en Vigo para, así, poder mellorar as intervencións sociais, tanto preventivas como asistenciais, e, igualmente, propoñemos crear un Plan Municipal Integral Contra a Violencia de Xénero, debidamente orzamentado, co obxectivo de organizar, planificar e sistematizar anualmente a loita contra as violencias machistas en Vigo” detalla a concelleira.

Do mesmo xeito, desde Marea de Vigo lémbraselle ao Goberno local o compromiso adquirido polo Pleno da cidade para facer efectivos os acordos da moción presentada pola Marea de Vigo e aprobada por unanimidade no Pleno do Concello de Vigo en novembro de 2017 pola adhesión do concello de Vigo á Rede de Cidades Libres de Trata e pola adopción de medidas abolicionistas.