marea de vigo pide non demorar máis a participación cidadá na toma de decisións sobre o uso dos investimentos nos barrios e parroquias.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo pide non demorar máis a participación cidadá na toma de decisións sobre o uso dos investimentos nos barrios e parroquias.
Rubén Pérez: “O resultado da humanización de Severino Cobas, que non foi consultada coa veciñanza que xa está formulando queixas sobre o resultado a poucos día da inauguración, ou a falla de resposta ás numerosas queixas e dúbidas que presenta o macroparque infantil na parque García Picher, son exemplos dun Goberno que decide sen escoitar”
Vigo, 15-07-2022. O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, lembrou hoxe que os orzamentos participativos “levan sendo a seña de identidade dos concellos progresistas en todo o planeta dende que se ensaiaron e puxeron en práctica no municipio brasileiro de Porto Alegre e posteriormente en concellos do estado como Córdoba, Sevilla ou posteriormente Barcelona ou Madrid”. Esta metodoloxía permite, entre outras cousas, regular como a veciñanza pode dedicir en que e canto se gasta nos proxectos de investimentos dos seus barrios, “para non atoparse así con obras impostas e sen falla de consenso, moitas veces decididas sen coñecer a realidade do lugar onde se proxectan e executan” sinalou o voceiro.
Marea de Vigo leva anos pedindo de xeito reiterado a implantación dun mecanismo de orzamentos participativos piloto que xestionase así “non menos de dous millóns de euros para poñer en práctica esta metodoloxía en actuacións concretas”. A proposta foi ridiculizada polo equipo de Goberno e polo alcalde, identificando o concepto de participación democrática, “que require dunha metodoloxía de traballo, un mecanismo que garantice o proceso de escoita e toma de decisión colectiva e informes técnicos que avalíen a posibilidade real de que a proposta veciñal sexa aplicada – detallou Pérez -; co feito de que o alcalde pasea polas rúas e fala con veciños e veciñas e xa lle din o que queren”. Unha “demostración absoluta de ignorancia do que significa participación cidadá e orzamento participativo” segundo a Marea de Vigo.
Marea de Vigo discrepa profundamente do modelo de anuncio de obra en medios de comunicación e con infografías as veces sen existir proxecto técnico xa elaborado, “que colle sempre por sorpresa aos veciños e veciñas afectados/as, que se sinten permanentemente silenciados/as e vulnerables ante a toma de decisións que aplican aos seus barrios e parroquias” afirmou o voceiro, tomando como exemplo a eliminación total de aparcadoiro para residentes en Severino Cobas, “tendo ademais opcións técnicas que permitirían rexenerar a ribeira do Lagares, facer un miradoiro compatible con prazas de aparcadoiro e mesmo zonas de carga e descarga” engadiu.
Outro exemplo é o feito de que a veciñanza da contorna do Parque de García Picher se enterase polos medios que se pretendía substitiur a única zona verde arborada da zona por un macroparque infantil sen que se lles escoitase. “Tiveron que recoller máis de 400 sinaturas e convocar para hoxe venres 15 unha mobilización para que o alcalde sinalase que as árbores se manterán no entorno” subliñou Rubén Pérez.