marea de vigo pide o cumprimento dos acordos contidos na moción contra a proliferación das casas de apostas.

30 de Abril de 2019

Marea de Vigo pide o cumprimento dos acordos contidos na moción contra a proliferación das casas de apostas que o Grupo municipal levou ao Pleno no pasado mes de febreiro.

Rubén Pérez: “O Concello de Vigo ten que realizar unha actuación activa e non colaboradora con este tipo de negocios, coas trabas legais posibles a súa apertura e introducindo regulacións restritivas con respecto á publicidade destes locais, así como implantando medidas de prevención da ludopatía”.

Vigo, 30-04-2019. Ante a recente apertura dunha casa de apostas en Navia, o Grupo municipal da Marea de Vigo reitera a necesidade e a urxencia do cumprimento dos acordos acadados no Pleno do Concello do mes de febreiro, nos que, a través dunha moción da Marea de Vigo, a Corporación local aprobaba por unanimidade unha serie de actuacións que levaban como obxectivo poñerlle freo á proliferación das casas de apostas.

Dentro destes acordos, por unha banda instábase tanto ao Goberno do Estado coma ao autonómico a iniciar unha serie de reformas legais encamiñadas ao control desta actividade, e pola outra, ao propio Goberno local, ao que ían dirixidos cinco dos acordos, sobre os cales o propio Goberno de Abel Caballero non ten iniciada ningún tipo de actuación ata o día de hoxe. “A administración local tamén ten responsabilidade sobre o control das casas de apostas, e é nesta administración na que se deben facer, entre outras accións, as modificacións das ordenanzas que sexan necesarias para poder frear dalgún xeito esta praga” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

No caso do barrio de Navia, é a veciñanza quen se está movendo de xeito moi activo, e a que ten convocado, xunto a diferentes movementos sociais e sindicais, mobilizacións para amosar o seu rexeitamento á apertura dunha casa de apostas no seu barrio, un dos barrios con poboación máis nova do conxunto do estado. “A administración local debe ser co-responsable tamén co barrio e cumprir coa súa parte, que non é outra que usar todas as ferramentas que ten para poñerlle freo ás casas de apostas na nosa cidade” engade Pérez.

Alén disto, Rubén Pérez tamén lembra que “proximamente será en A Laxe onde se abrirá un novo casino, isto non ten ningún sentido, resulta inverosímil que sexa unha entidade coma Zona Franca a que vaia a desenvolver este casino, coma se fora unha actividade económica fundamental para Vigo e a súa contorna. Non é a labor de Zona Franca abrir casinos”.