marea de vigo pide o peche preventivo da grada de marcador ata que non existan garantías de total seguridade para as persoas.

17 de Decembro de 2018

Marea de Vigo pide o peche preventivo da grada de Marcador ata que non existan garantías de total seguridade para as persoas.

Rubén Pérez: “ Xa non nos podemos fiar deste Goberno municipal en materia de seguridade, tal e como ademais está amosando na Comisión de Investigación do accidente de O Marisquiño e na documentación que está saíndo na mesma”.

Na rolda de prensa ofrecida hoxe, Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome abordaron a cuestión da situación do Estadio de Balaídos, tras as denuncias realizadas nos pasados días por parte de aficionadas e aficionados que acudiron ao recinto. “Cada vez que hai unha nova sobre unha infraestrutura nesta cidade, como pode ser unha desgraza coma a de O Marisquiño, ou unha denuncia cidadá, coma a feita polo estado das gradas de Balaídos nestes pasados días, a contestación por parte deste Goberno municipal sempre é que os técnicos xa fixeron os informes correspondentes, pois vimos de pedir hoxe eses informes. Mais, como non sería a primeira vez que neste Concello se fala de informes que despois semellan non existir, pedimos, de xeito preventivo, o peche da grada. Ata que exista a total seguridade de que o estado desa grada é absolutamente compatible coa presenza da cantidade de persoas que debe acoller, esa grada debe estar pechada e esas persoas redistribuídas en lugares que sexan seguros” matizou Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.

Rubén Pérez insistiu en que “xa non nos podemos fiar deste Goberno municipal en materia de seguridade, tal e como ademais está amosando na Comisión de Investigación do accidente de O Marisquiño e na documentación que está saíndo na mesma” matizou. “Xa está ben do sainete que levamos vivindo durante anos sobre quen se debería facer cargo da reforma de Balaídos, desde o 2015 dándolle voltas a esta cuestión, que ademais se prende e apaga segundo quen estea en cada administración. Nós imos dicir o mesmo sobre a implicación de Zona Franca, o mesmo cando estaba o PP e cando está o PSOE, e isto non é outra cousa senón que: non é función de Zona Franca meter nove millóns de euros na reforma dun Estadio municipal, como tampouco debería ser función da Deputación de Pontevedra”.

Pola súa banda, Xosé Lois Jácome incidiu en que a reforma de Balaídos tiña que ser acometida polo Concello de Vigo, “como infraestrutura municipal que é”. “Posteriormente o Real Club Celta deberá pagar o canon correspondente e xusto coa veciñanza viguesa, tal e como ademais o propio Club xa ten expresado estar disposto”.

Para a Marea de Vigo, tal e como xa ten denunciado anteriormente, a reforma do Estadio de Balaídos é problemática xa desde a época na que se asinou o primeiro convenio coa Deputación aínda estando Louzán como presidente. “En setembro do pasado ano, o alcalde anunciaba un novo comezo para o Estadio de Balaídos, coa sinatura dun novo convenio co RC Celta incluído, mais hoxe, máis dun ano despois, a situación semella non ter mudado un ápice” engadiu Jácome.

Do mesmo xeito, Jácome lembrou que a Marea de Vigo sempre pediu que no novo PXOM se lle dera encaixe á cidade deportiva, facilitando desde xeito que o Celta non marchase a outro concello para desenvolver o seu proxecto, “mais este Goberno non sabe o que significa a palabra diálogo cando se trata de chegar a acordos con outras administracións, acudindo á confrontación. E hoxe, á vista dos feitos, xa non temos moi claro se se quere velar pola seguridade das persoas que acoden ao Estadio de Balaídos ou se pretende facer disto outro campo de batalla entre a Xunta e o Concello.” conclúe o concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.