marea de vigo pide para este ano a exención de pago nas escolas infantís municipais para as familias con rentas per cápita por debaixo dos 500 euros.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo pide para este ano a exención de pago nas escolas infantís municipais para as familias con rentas per cápita por debaixo dos 500 euros.
Oriana Méndez: “Nun ano especialmente difícil para as familias en termos económicos, con subidas substanciais de alugueiro e de luz e no que non haberá descontos en cuestións tan relevantes como a auga, o lixo ou o IBI, son precisas este tipo de axudas”.
Vigo, 12-02-2021. Marea de Vigo considera que o catálogo de escolas infantís de titularidade municipal segue sendo pequeno polo que, segundo Oriana Méndez, “o Concello debe facer uso dos remanentes de tesourería, tal e como expresamos na emenda aos usos dos mesmos presentada no pasado mes de novembro, para abordar a construción de, alo menos, tres novas escolas infantís municipais”.
“A pesar de que a nova lei autonómica obriga a cofinanciar escolas infantís e os recursos educativos dispoñibles a nivel municipal están a deitarse nese sistema inxusto de cofinanciamento, estes recursos deberían servir para diseñar un plan de apertura de escolas infantís e centros de día municipais que priorice os barrios en base a realidade socioeconómica dos mesmos, garantindo a apertura de máis centros que completen a falla de prazas en escolas infantís e centros de día xa endémica na cidade” detalla Oriana Méndez.
Por outra banda, Marea de Vigo apoia e anima ao Concello a seguir adiante co contencioso do Concello contra a Xunta polo copago nas escolas infantís e centros de día con titularidade autonómica. “É absolutamente inxusto e está totalmente xustificada a xudicialización deste abuso, e pedímoslle ao Concello que recurra a recente sentenza na que se da a razón á Xunta”
“É necesario, en todo caso, reforzar a oferta pública de escolas infantís de 0 a 3 anos, para evitar que moitas familias se vexan abocadas a acudir ás escolas privadas” conclúe a concelleira”.