marea de vigo pide políticas activas desde medio ambiente

11 de Xuño de 2018

Marea de Vigo pide políticas activas desde a Concellería de Medio Ambiente e cualifica os conflitos xerados nas praias de Coruxo co recente acceso aos cans como unha consecuencia da falta das mesmas.

Rubén Pérez: “Limitarse a dar acceso aos cans a dúas praias non é suficiente nin en materia de protección animal nin nos aspectos relacionados coa convivencia e o coidado do entorno”.

Vigo, 11-06-2018. O percorrido do expediente onde se habilitaban os accesos aos cans ás praias da Foz e da Calzoa, e os últimos acontecementos e queixas da veciñanza de Coruxo só reflicten a necesidade da aplicación de políticas activas dende a Concellería de Medio Ambiente. “Nos dous anos nos que estivo este asunto parado, poderíanse ter feito as campañas divulgativas e informativas necesarias, tanto de concienciación como de educación cívica e protección animal, mais as accións do goberno local limitáronse á simple apertura das praias, xerando un conflito entre a veciñanza e as persoas que acoden cos cans ás mesmas. O feito de que ambas praias estean na mesma parroquia, xa amosa unha gran deficiencia” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo leva reclamado desde o inicio da lexislatura un acceso aos cans nas praias viguesas, mais o resultado do realizado a día de hoxe por parte do goberno local só amosa unha gran improvisación, na mesma liña de moitas das políticas levadas a cabo no eido da concellería de medio ambiente, como é o caso, por exemplo, da xestión da canceira ou mesmo do zoolóxico.

Desde o grupo municipal da Marea de Vigo se considera que para evitar os conflitos entre a veciñanza e co obxectivo de consolidar e normalizar a convivencia e o bo uso das praias, son necesarias medidas como, ao igual que se ten feito noutros concellos, control do aforo de cans, introducir o condicionante do microchip, servizo especifico de limpeza, seguimento permanente por parte do laboratorio municipal en canto ao estado da area e a auga, campañas de boas practicas, reparto de bolsas, ou a colocación de mobiliario urbano específico.